
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), a través da Axencia Estatal de Investigación (AEI), publicou a proposta de resolución provisional da convocatoria 2025 de axudas a proxectos de colaboración público-privada, que financian proxectos de desenvolvemento experimental dunha duración de tres anos desenvolvidos de xeito conxunto entre centros de investigación, universidades, organismos públicos de investigación e empresas.
A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, destacou que “a aposta do Goberno de España pola ciencia, o coñecemento e a innovación da man das empresas fortalece a capacidade do noso país para construír o seu futuro”.
En total preconcedéronse 202,7 millóns de euros para 166 proxectos de colaboración público-privada, nos que participan 490 centros de 333 entidades diferentes. Deste importe, 102,9 millóns de euros son en forma de préstamo e 99,8 millóns de euros corresponden a subvencións.
O obxectivo é “impulsar e promover o desenvolvemento de novas tecnoloxías, a aplicación empresarial de novas ideas e técnicas, e contribuír á creación de novos produtos e servizos innovadores”. A maior parte das axudas preconcedidas (215) estarán destinadas a empresas, seguidas de fundacións, asociacións e consorcios (150); universidades (98) e órganos ou centros de I D públicos (27).
Distribución das axudas por área
A área de biomedicina lidera a convocatoria con 128 proxectos, seguida de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (as TIC), con 80 proxectos; produción industrial, enxeñería civil e enxeñerías para a sociedade, con 60; ciencias agrarias e agroalimentarias, 50; ciencias e tecnoloxías de materiais, 45; enerxía e transporte, 41; biociencias e biotecnoloxía, 24, entre outros.
Financiamento das axudas
Respecto ao financiamento, os investimentos destináronse sobre todo en proxectos en Cataluña (64,4 millóns de euros) e a Comunidade de Madrid, con 45,3 millóns de euros. Séguenlle Galicia, con 22,3 millóns de euros; o País Vasco, con 16,7 millóns de euros; a Comunidade Valenciana, con 14,4 millóns, e Andalucía con 12,9 millóns de euros.
Distribución territorial das axudas
En canto á distribución territorial, Cataluña encabeza a lista con 135 axudas, seguida da Comunidade de Madrid con 101, Galicia con 49, a Comunidade Valenciana con 46, o País Vasco, con 41, e Andalucía con 40.

