
O Proxecto Nós de IA e lingua galega, impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua e materializado pola USC, vai participar en setembro en TecnoLing 2026, a xornada orientada ao encontro entre empresas, grupos de investigación e profesionais do ámbito das tecnoloxías da linguaxe, o procesamento da linguaxe natural e a intelixencia artificial.
A xornada dersenvolverase no marco do Congreso Internacional da SEPLN 2026 e contará con diferentes actividades destinadas a favorecer o intercambio de experiencias, a presentación de solucións e a colaboración entre o ámbito empresarial e investigador. A data no programa provisorio é o mércores, 23 de setembro, en León.
Pola súa banda, o XLII Congreso Internacional da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural (SEPLN 2026) terá lugar do 22 ao 25 de setembro de 2026 na Universidade de León. Este congreso constitúe un foro internacional de referencia para o intercambio de coñecementos e experiencias no ámbito do procesamento da linguaxe natural (PLN), a lingüística computacional e as súas aplicacións en distintos sectores académicos, científicos e industriais.
SEPLN 2026 reunirá a investigadores, profesionais, empresas e estudantes de todo o mundo para debater sobre os últimos avances científicos, retos actuais e perspectivas futuras no tratamento automático da linguaxe. As temáticas do congreso abranguerán desde o desenvolvemento de modelos, algoritmos e recursos lingüísticos ata aplicacións innovadoras en áreas como a tradución automática, a recuperación de información, a minería de textos, os chatbots, a xeración de linguaxe natural ou a avaliación de grandes modelos de linguaxe, entre outras.

