
A responsable de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, participou na presentación dun proxecto para a dixitalización do sector vitivinícola impulsado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra en colaboración coa Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense.
A iniciativa presentouse durante unha xornada formativa celebrada no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, na que participaron preto de 80 adegas das provincias de Lugo e Ourense, tanto de maneira presencial como telemática.
Durante o acto a deputada provincial estivo acompañada polo presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía Crespo, e o deputado de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Manuel Seoane Rodríguez.
García Porto sinalou que a Deputación colabora con este proxecto cuncha achega económica de case 50.000 euros “porque entendemos que promover o territorio tamén significa apoiar aos sectores que o fan medrar e colaboramos porque achega ferramentas útiles para responder ás necesidades do sector e reforza unha actividade estratéxica para a provincia”. O obxectivo, dixo, é “impulsar unha transformación tecnolóxica que mellore a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade da viticultura da Ribeira Sacra”.
Esta iniciativa estrutúrase arredor de dúas liñas de traballo complementarias que darán resposta ás necesidades tanto produtivas como administrativas do sector.
Por unha banda, inclúese a rede de estacións meteorolóxicas, dispositivos de pequeno tamaño e enerxía autónoma, mediante paneis solares, que permitirán recoller datos climáticos en tempo real para previr enfermidades da vide, planificar tratamentos fitosanitarios e optimizar custos de produción.
E, pola outra, a implantación do software ANAWIN, unha ferramenta que permitirá dixitalizar e automatizar todos os procesos administrativos e técnicos da Denominación de Orixe: rexistros, certificacións, rastrexabilidade, facturación ou comunicación con viticultores e adegas.
“Falamos de medidas concretas, pero cun impacto que vai máis alá da tecnoloxía. Detrás deste proxecto sodes preto de 2.000 viticultoras e viticultores e case un cento de adegas. Vós, sodes quen activades o emprego, xerades actividade económica e mantedes unha paisaxe que existe grazas ao voso traballo diario. Fortalecer o voso sector significa fortalecer tamén o territorio”, destacou a deputada provincial.
Rematou a súa intervención agradecendo ao Consello Regulador “o impulso desta iniciativa e a súa vontade de traballar en colaboración coas administracións. Ese é o camiño para desenvolver proxectos útiles e con vocación de futuro”.

