
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia presentou a campaña coa que promociona a súa programación especial arredor da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto, protagonizada polo exxogador de baloncesto Fernando Romay. A acción xoga coa estatura do deportista galego (2,13 metros), cuxa sombra se equipara á que proxectará a eclipse sobre Galicia, para convidar a seguir o fenómeno Mellor á Galega a través dos medios públicos.
A cobertura incluirá unha programación especial en televisión, radio e plataformas dixitais, ademais da primeira canle FAST da Corporación, que estará activa os días 10, 11 e 12 de agosto en AGalega.gal. Esta emisión ininterrompida durante 72 horas ofrecerá unha experiencia multicámara para escoller en tempo real distintos puntos de observación da eclipse en Galicia, así como timelapses descargables para compartir nas redes sociais.

A programación da canle tamén incluirá a retransmisión das xornadas internacionais de cosmoloxía New Frontiers in Cosmology, que se celebrarán na Coruña os días 10 e 11 de agosto, ademais de entrevistas con divulgadores científicos, videopodcasts, reportaxes, a miniserie francesa L’Éclipse e o documental de FORTA A gran eclipse.

A campaña resolve o misterio iniciado días atrás na promoción emitida pola TVG, na que unha gran sombra ocultaba o Sol nunha praia galega sen revelar a identidade do protagonista. O desenlace produciuse durante a emisión de Luar, onde Fernando Romay apareceu acompañado por Xosé Ramón Gayoso, Aitana del Mar e Loli Gómez. A elección do exbaloncestista pretende simbolizar que a televisión pública será a mellor xanela para seguir un fenómeno astronómico histórico.

O anuncio principal gravouse na praia de Nerga, en Cangas, coas Illas Cíes como escenario de fondo. Na peza, a xornalista Loli Gómez interpreta unha turista que toma o sol ata que a enorme sombra proxectada por Romay a cobre por completo. A campaña complétase coa serie divulgativa Eclipsados, tamén gravada neste enclave, na que Romay conversa con distintos divulgadores científicos.
O operativo informativo do 12 de agosto articularase arredor de dous grandes centros de produción. Ribadeo acollerá dúas edicións do programa Hora Eclipse e o Eclipse Fest, un concerto na praia das Catedrais con actuacións de Panorama City, 9Louro e outros artistas.
O Faro de Mera, no concello de Oleiros, converterase no segundo centro neurálxico da cobertura. Desde alí realizaranse as dúas edicións do Especial Eclipse e coordinaranse as conexións cos equipos distribuídos por toda Galicia.
A programación informativa da TVG e da Radio Galega ofrecerá un seguimento continuo do fenómeno con conexións en directo desde Santiago, Lalín, a Torre de Hércules, A Guarda, Fisterra, o Banco de Loiba, Vigo e outros puntos de observación. Tamén se achegarán iniciativas singulares como as actividades no territorio Starlight Trevinca-A Veiga, a observación desde Cepedelo, a experiencia cultural e astronómica Lux et Umbra 2026 nos tellados da catedral de Mondoñedo e a posta en valor do Altar do Sol de Alperiz, en Lalín.
A eclipse do 12 de agosto será a primeira visible desde a península Ibérica en máis dun século, un acontecemento que os medios públicos galegos aspiran a converter nunha das grandes citas televisivas do verán.
