
Malia estar pechada durante todo o mes de agosto, a Aula CeMIT de Ames xa ten nova programación para os últimos meses do ano e que dará comezo no mes de setembro. Para o comezo do vindeiro curso prepara novos cursos formativos, dirixidos tanto para adultos como para menores de idade, nos que se traballaran diferentes contidos.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. O alumnado poderá facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
O primeiro dos cursos que se levará a cabo será o de Iniciación á informática, que se impartirá os martes e os xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o vindeiro 15 de setembro ata o 26 de novembro. Esta formación vai dirixida ao uso básico do ordenador, como aprender a manexar o rato e o teclado, acender e apagar os equipos de maneira correcta, usar correctamente o sistema operativo, xestionar documentos e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.
Por outra banda, os luns e mércores, dende o 21 ata o 30 de setembro, en horario de 17.15 a 18.45 horas, impartirase o curso Introdución á Administración Electrónica. Nesta formación explorarase todo o referido ao manexo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365, aproveitando todas as súas vantaxes. Ademais, tamén haberá espazo para abordar a sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta de Galicia, que portan servizos tan útiles como É-Saúde ou Notifica.gal, ou apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.
Cursos para menores de idade
Para os máis pequenos da casa haberá tres novas ofertas formativas. Por unha banda, o curso Informática para nenos/as – Nivel básico, que está dirixido para a rapazada de 7 a 10 anos. Impartirase os martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 15 de setembro ata o 15 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas aprenderán as dotes básicas do uso dun computador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafois, acceso á Rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, entre outros contidos.
Por outra banda, haberá dous cursos de mecanografía. O primeiro deles, estará dirixido para a os menores de 10 anos e impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 17 de setembro ata o 17 de decembro. O outro curso de mecanografía estará orientado para a rapazada maior de 10 anos, e tamén se desenvolverá os xoves e nas mesmas datas, pero en horario de 18.00 a 19.00 horas. O curso está dirixido para todo tipo de niveis, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.
Ao estar as instalacións da aula pechadas durante todo o mes de agosto, as inscricións deben facerse de xeito telemático vía web ou escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

