
O III Congreso Internacional de Creatividade terá como eixe temático as transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nas catro áreas que abrangue o proxecto de especialización do Campus de Pontevedra: a comunicación, o deseño, a arte e a educación.
Promovido polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra, este foro académico desenvolverase os días 8 e 9 de outubro, reunindo no seu programa conferencias, mesas temáticas e presentacións de estudos que porán o foco “en como a creatividade se reconfigura nun contexto marcado pola intelixencia artificial, a sostibilidade, a ética dixital e transformación educativa”, sinalan desde o comité organizador.
Dirixido polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino e Sara Domínguez Lloria, con Susana Blanco como secretaria do comité organizador, este congreso estrutúrase un ano máis en catro bloques, correspondentes coas catro áreas do Campus Crea. Baixo o título de Conexións reais: deseño, arte e educación na era dixital, esta edición busca dar resposta á necesidade “de abordar unha realidade cada vez máis presente e con importantes implicacións de futuro nos ámbitos arredor dos cales se articula o congreso”, salienta Pino, engadindo que “a tecnoloxía e, particularmente, a intelixencia artificial están a producir unha profunda transformación” nos eidos da educación, a arte, o deseño e a comunicación, “polo que consideramos necesario promover un espazo de análise, reflexión e debate sobre as súas posibilidades, desafíos e implicacións éticas e creativas”, subliña esta catedrática.
A terceira edición deste congreso arrancará o xoves 8 de outubro cunha conferencia da artista residente en Ámsterdam Alicia Framis, quen desenvolve “plataformas para a interacción social e creativa” a través da colaboración interdisciplinaria.
Tras este relatorio virá a mesa Comunicación e creatividade arredor da mesa, conducida polo chef Pepe Solla e na que participarán a profesora do CIFP Carlos Oroza Valentina Vázquez e o docente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Sergio Macías.
Tamén nesa primeira xornada, o congreso acollerá unha conferencia da artista téxtil, deseñadora e investigadora Arantza Vilas, profesora asociada na Universidade das Artes de Londres. Ao longo da súa traxectoria profesional, Vilas colaborou no deseño de vestiario de producións cinemato
Xa o venres 9 celebrarase a conferencia Intelixencia artificial, creatividade e educación, a cargo do profesor da Universidade de León Roberto Baelo, xunto cunha mesa redonda na que participantes en proxectos de investigación e alumnado de doutoramento presentará “os avances científicos” dos seus traballos. Coa participación de investigadoras e investigadores de diferentes universidades españolas e portuguesas, este encontro será moderado pola catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidad de Murcia Paz Prendes.
Nesta segunda xornada desenvolverase tamén a mesa redonda O emprego da IA en procesos creativos, coa participación de María José Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); da deseñadora de moda e gráfica Marta Domínguez, e de Oriol Saña, director artístico do proxecto SuperArte, que dá visibilidade ao talento das persoas con discapacidade. Finalmente, a conferencia de clausura, Intelixencia artificial e mentes creativas, centrada no deseño de experiencias didácticas transmedia, correrá a cargo da catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidad de Oviedo María Esther del Moral.
Estas actividades combinaranse con diferentes mesas de presentación de comunicacións, para as que foron seleccionados un total de 46 estudos, presentados por 65 investigadores e investigadoras de diferentes universidades españolas e de Portugal, Guatemala e Colombia.
