
A operadora galega R e MasOrange activaron un dispositivo especial de control remoto da súa rede en Galicia para lle dar resposta ao incremento de visitantes nas zonas onde se poderá gozar da eclipse solar do 12 de agosto, a primeira destas características que se pode ver dende a xeografía española dende 1912.
A Península Ibérica será o mellor lugar do mundo para desfrutar ao máximo da eclipse solar total e, por iso, R e MasOrange identificaron máis de 70 localizacións estratéxicas sobre as que están focalizando os seus traballos, ao se tratar de lugares que previsiblemente rexistrarán unha maior afluencia de visitantes. Son, en concreto, 72 actuacións de reforzo da rede repartidas polas catro provincias galegas: 24 na Coruña, 29 en Lugo, 4 en Ourense e 15 en Pontevedra.
Con estes traballos, R e MasOrange procuran “asegurar a capacidade e o rendemento da rede para garantir a mellor experiencia de conectividade posible e atender con plenas garantías o incremento puntual de tráfico asociado a este acontecemento de alcance internacional”, indicaron, engadindo que “todas estas actuacións súmanse aos traballos de mantemento que en R e MasOrange facemos de xeito continuo na nosa rede, con especial atención durante os meses de verán en zonas turísticas”.

En termos agregados, a extensión da rede estival de MasOrange acada preto de 1.100 nodos (puntos de rede que poden enviar, recibir ou redirixir información) repartidos por 217 concellos considerados de alto tráfico durante o verán.
“Esta capilaridade da infraestrutura permite xestionar de forma eficiente o incremento da demanda nun período onde a tónica é a mobilidade xeográfica de usuarios/as e a concentración temporal en determinados destinos”, sinalan as operadoras.
“Achámonos perante un fito histórico e queremos que os nosos clientes e clientas poidan gozar del ao máximo e compartir as súas imaxes e vídeos en directo coa mellor calidade de rede. Coas actuacións previstas nos puntos seleccionados garantiremos todo o posible a dispoñibilidade dos servizos dixitais en zonas con alta concentración de persoas para desfrutar deste grande acontecemento astronómico”, afirmou Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia.

