
Celeiro converteuse onte en punto de encontro entre Galicia e Europa. O salón de actos do porto acolleu a xornada Europa ao servizo das empresas de Galicia: innovación, internacionalización e competitividade, onde institucións, Comisión Europea e empresas galegas puxeron enriba da mesa unha pregunta común: como converter os programas e as redes europeas en crecemento real para o tecido produtivo da comunidade.
Abriu o acto Eduardo Míguez López, director adxunto do Porto de Celeiro. Con el, Carmen Cotelo Queijo (GAIN), Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa (CEG) e Marta Villaverde Acuña, conselleira do Mar. Unha idea percorreu as súas intervencións: sen colaboración entre administracións, organismos europeos e empresas, non hai competitividade.
O mar abriu debate. Baixo a moderación de Manuel Bermúdez Díez (OPP, Porto de Celeiro), Isaac Rosón Sánchez-Brunete, director xeral de Pesca da Xunta, e Iván López Van Der Veen, presidente do Consello Consultivo da Frota de Longa Distancia da UE, puxeron nomes e datas aos retos regulamentarios que Europa lle esixe ao sector pesqueiro nos vindeiros anos.
A innovación tomou o relevo coa mesa Innovar, crecer e competir en Europa: oportunidades para as pemes galegas. Nela, Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, compartiu mesa con Jaime Luis López Vázquez, presidente da Cámara de Lugo, e Natalia Martínez Páramo, xefa de unidade en EISMEA, Comisión Europea. A conclusión foi clara: sen innovación e sen mirar cara fóra, as pemes galegas dificilmente sosteñen o paso dentro do mercado único europeo.
A secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Rosa Mary Cardeso Trillo, insistiu en que non se poden deixar escapar as oportunidades europeas por simple descoñecemento, e subliñou que as Cámaras de Comercio traballan nesa dirección “porque cremos que unha oportunidade só se converte en algo tanxible cando é aproveitada por unha empresa e é capaz de xerar impacto no territorio”.
Chegou a vez de Elena Suárez (Consorcio EEN Galactea Plus), que moderou unha mesa con representantes da Enterprise Europe Network, da Confederación de Empresarios de Galicia, da Axencia Galega de Innovación e de Uninova, xunto a un representante de Erasmus para Xoves Emprendedores, iniciativa da Unión Europea. Quixeron destacar unha mensaxe clave: as redes existen, están dispoñibles, e moitas pemes aínda non saben como chamar á súa porta.
Iso é precisamente o que demostraron catro empresas galegas na mesa de casos de éxito. Galiwonders, Anthylis Consulting, Troyan Drones e Dummy Rescue puxeron nome propio ao que antes eran siglas: EEN e Erasmus para Xoves Emprendedores, contando en primeira persoa por que xa deron ese paso e como creceron grazas a el.
Pechou a xornada Natalia Martínez Páramo, xunto a Mariña Gueimunde González, alcaldesa de Viveiro, antes de que o viño galego puxese o punto final —e o inicio doutras conversas— nun espazo de networking entre os asistentes.

