
Investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, pertencente tamén ao Instituto de Investigación en Saúde Galicia Sur, completaban recentemente dous estudos destinados a avaliar a eficacia das terapias físico-cognitivas apoiadas en tecnoloxías de realidade virtual e dirixidas a casos de dano cerebral adquirido. Trátase, explican, “dun enfoque totalmente novo, xa que ata agora non hai evidencias científicas do uso deste tipo de terapias en persoas con este cadro clínico”.
Os dous estudos foron desenvolvidos en colaboración con Cruz Vermella Lugo, no Centro de Parálise e Dano Cerebral e no Centro de Patoloxía Dual de Castro, Ribeiras de Lea, empregando terapias innovadoras a través de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e que permiten unha dobre estimulación, física e cognitiva.
O primeiro dos estudos -EFiCO_DCA 3.0-, baséase na experiencia adquirida en proxectos previos realizados polo grupo HealthyFit. Centrouse no uso dun cicloergómetro intelixente combinado con escenarios virtuais para artellar un programa de exercicio físico de alta intensidade, así como diferentes aplicacións coa realidade virtual para psicoterapia. Desenvolveuse durante vinte semanas e beneficiou arredor dunha ducia de usuarios do Centro de Parálise e Dano Cerebral de Cruz Vermella, segundo explican desde o grupo que coordina o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, integrante tamén do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (CIDEGA).
O segundo estudo -EVI_CP 2.0- estaba dirixido a un grupo de persoas diagnosticadas con diversos trastornos mentais. Este novo enfoque proposto polo grupo HealthyFit tiña como obxectivo que dez usuarios do Centro de Patoloxía Dual realizasen un programa de fisioterapia cun exergame temático de boxeo e danza. Este estaba centrado principalmente en mellorar a súa motivación cara a práctica do exercicio físico e, en segundo lugar, en observar os efectos tanto na súa calidade de vida como nas variables físicas, cognitivas e funcionais. Esta investigación dá continuidade aos estudos previos que o grupo HealthyFit desenvolve desde 2024 xunto con Cruz Vermella Lugo. Os seus resultados están agora en fase de análise e esperan ser reflectidos en artigos científicos en revistas de impacto.
A falta da análise final dos resultados, as aplicacións destes programas baseados no uso da realidade virtual amosáronse totalmente seguras, sen presentar efectos adversos, así como divertidas para as persoas participantes, logrando unha adhesión ao programa, así como altos niveis de satisfacción, segundo os terapeutas encargados da supervisión dos estudos.
O grupo HealthyFit continúa deste xeito xerando evidencias científicas sobre os programas de exercicio terapéutico apoiados no uso de exergames e as súas posibilidades con diferentes colectivos, como persoas maiores institucionalizadas, persoas afectadas por párkinson, alzhéimer, esclerose múltiple, síndrome de Down, enfermidades reumáticas ou danos cerebrais adquiridos, entre outros.

