
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) compartiu nas redes unha serie de recursos e recomendacións relacionados coa eclipse solar do 12 de agosto, a través da cal Galicia vivirá un fito histórico que non veremos ata 2180: a Lúa tapará o Sol e a metade da nosa comunidade quedará a escuras.
En primeiro lugar dende GAIN recomendan aos internautas que visiten e empreguen a web habilitada pola Xunta para desfrutaren deste fenómeno de xeito seguro, a través da cal poderán consultar como contemplar a eclipse dende cadanseus concellos.
A páxina inclúe un mapa interactivo por concellos (xa que dependendo de onde nos atopemos poderemos ver a eclipse total ou parcial) que permite premer sobre o noso territorio para comprobar se está na franxa de totalidade, ademais de ver os horarios de inicio, fin e duración exacta do fenómeno.

Tamén incorpora recomendacións sanitarias e técnicas, lembrando o uso obrigatorio de lentes homologadas coa certificación ISO 12312-2, información actualizada sobre os servizos especiais de transporte, a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) e consellos de seguridade viaria, e recursos turísticos e científicos sobre a eclipse solar en Galicia en varios idiomas.
GAIN tamén achega estas recomendacións: observar a eclipse de xeito seguro, planificar moi ben a nosa viaxe e con tempo (evita viaxar a última hora), revisar a previsión meteorolóxica (podemos consultar o portal de MeteoGalicia), escoller moi ben o punto de observación (cómpre lembrar que a eclipse solar será ao redor das 20.30 horas e o Sol estará baixo no horizonte), chegar con marxe de tempo e aparcar só en zonas permitidas (especialmente, naqueles lugares especialmente concorridos), levar agua e protección solar (é mellor previr os episodios de calor) e acudir co móbil cargado e cun pequeno kit de día de campo (nos lugares máis masificados seguramente se demore a saída).
Tamén se recomenda ler ben os métodos que se poden aplicar para garantir unha observación segura, protexer a vista con lentes específicas e nunca “mirar o Sol directamente a simple vista, incluso se está nubrado ou se o sol se ve débil; non empregar entes de sol convencionais, por moi escuras que sexan; non empregar cristais afumados, radiografías, CDs, espellos, nin ningún truco caseiro; e non apuntar cámaras, prismáticos ou telescopios cara o sol sen filtros específicos homologados.
Campaña divulgativa

A divulgación científica tamén ten o seu espazo en relación con este fito histórico. Dada a importancia deste episodio, a Xunta de Galicia puxo en marcha na páxina web sobre a eclipse varias iniciativas, entre elas unha campaña cunha serie de vídeos nos que persoal científico de referencia explica diferentes aspectos sobre a eclipse solar: desde consellos básicos sobre como gozar da eclipse solar ata as súas implicacións históricas e culturais, pasando por aspectos físicos e astronómicos.

