
O Tribunal de Instancia de Cangas do Morrazo citou a declarar en calidade de investigado ao actual concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Medio Ambiente, Antón Iglesias (BNG), dentro da causa xudicial aberta pola contratación dos servizos que permitiron recuperar os sistemas informáticos municipais tras o ciberataque sufrido polo Concello en maio de 2023.
Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a investigación céntrase nun presunto delito de prevaricación administrativa. A Fiscalía Provincial de Pontevedra presentara inicialmente unha denuncia en outubro de 2024 ao considerar que existían indicios de prevaricación, malversación, danos informáticos e coaccións en relación co suposto pagamento dun rescate de preto de 200.000 euros aos autores do ataque informático. Porén, a instrución xudicial aberta pola xuíza da praza número 2 de Cangas limítase, polo momento, ao presunto delito leve de prevaricación administrativa.
Na causa tamén figura como investigado o responsable da empresa Evelb Técnicas y Sistemas S.L., contratada polo Concello para a recuperación da información cifrada polo ransomware LockBit 3.0. Segundo a documentación incorporada á investigación, esa empresa negociaría cos ciberdelincuentes e abonaría o rescate en bitcoins para conseguir as claves de descifrado, un extremo que xa aparecía recollido nun informe técnico.

Antón Iglesias deberá comparecer ante a xuíza o vindeiro 1 de outubro de 2026 asistido por un avogado. A citación fai referencia a uns feitos supostamente acontecidos o 28 de febreiro de 2024. No Faro de Vigo salientan que o edil non tiña competencias de goberno cando se asinou o contrato cuestionado e que a resolución foi asinada pola alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido.
A investigación ten a súa orixe nunha denuncia presentada polo Partido Popular. Meses despois do ataque informático, o novo executivo municipal contratou inicialmente por algo máis de 5.000 euros un estudo sobre o estado dos sistemas afectados. Posteriormente formalizouse un contrato de urxencia, por importe de 197.847,17 euros (IVE incluído), para os traballos de descifrado e recuperación da información.
No pasado mes de abril, o xulgado requiriu ao Concello diversa documentación sobre esa contratación, entre ela as facturas emitidas pola empresa e o expediente administrativo. Tamén solicitou copia da acta na que se adoptase o acordo, aínda que, segundo a información publicada, a decisión non pasou nin polo pleno nin pola xunta de goberno.
O ataque producido o 17 de maio de 2023 deixou inutilizados servizos municipais esenciais, como os sistemas de contabilidade, xestión tributaria e elaboración de nóminas. Os atacantes ameazaban con publicar ou vender a información roubada se non recibían o pagamento esixido.
O BNG expresa o seu respaldo ao concelleiro

Tras coñecerse a citación xudicial, o BNG de Cangas difundiu un comunicado no que manifesta «todo o seu apoio e toda a súa confianza» en Antón Iglesias.
A formación nacionalista asegura que, ao chegar ao goberno municipal, atopou un Concello «nunha situación límite», cunha contabilidade inutilizada que comprometía o funcionamento da administración e dos servizos públicos. Segundo sostén, as medidas adoptadas para recuperar a normalidade institucional realizáronse co asesoramento dos servizos técnicos e conforme aos procedementos legalmente establecidos.
O comunicado tamén afirma que tanto Iglesias como o conxunto do goberno local actuaron «con honestidade, responsabilidade e lealdade institucional», que colaboraron desde o primeiro momento coa Xustiza e que confían en que o procedemento permita esclarecer os feitos. Ademais, o BNG defende que toda a súa actuación estivo guiada pola defensa do interese xeral e polo cumprimento da legalidade.
