
Xbox introducirá a partir de novembro límites mensuais de tempo para o xogo na nube incluído nas súas subscricións a Game Pass. Os usuarios pasarán a dispoñer dunha cantidade determinada de horas cada mes, fronte ao acceso sen límite que teñen actualmente os plans compatibles.
Game Pass Ultimate incluirá 15 horas mensuais de xogo na nube, mentres que Game Pass Premium ofrecerá 10 horas e Game Pass Essential quedará en 5 horas. Microsoft estima que o cambio afectará aproximadamente ao 4 % dos subscritores de Game Pass.
Unha vez consumidas as horas incluídas, os usuarios poderán comprar tempo adicional de xogo a través da Xbox Store. Tanto a cantidade de horas dispoñibles como as opcións de compra e as funcións do xogo na nube poderán variar segundo o mercado. Os prezos concretos serán comunicados antes da entrada en vigor do novo modelo.
O xogo na nube tamén estará dispoñible sen Game Pass
A partir de novembro, Xbox permitirá ademais utilizar o seu servizo de xogo na nube sen necesidade de manter unha subscrición a Game Pass. Os usuarios poderán comprar horas de xogo directamente na Xbox Store e empregalas para transmitir determinados xogos que xa posúan en dispositivos compatibles.
A modalidade está pensada especialmente para quen utiliza o xogo na nube de maneira ocasional ou non quere asumir o pagamento recorrente dunha subscrición. Tamén permitirá aos propietarios dunha Xbox One acceder mediante streaming a determinados títulos deseñados para Xbox Series X|S sen ter que actualizar inmediatamente a consola.
A dispoñibilidade de xogos compatibles co xogo na nube continuará ampliándose ao longo do ano, segundo Xbox.
O custo do streaming está detrás do cambio
O novo modelo responde ao incremento dos custos asociados á prestación do xogo na nube a medida que aumenta o número de usuarios e o tempo que pasan xogando. Xbox asegura que establecer límites mensuais permitirá manter o servizo e continuar investindo na súa fiabilidade e rendemento, aínda que recoñece que para determinados usuarios o cambio suporá un maior custo.
En novembro tamén se coñecerán os prezos para adquirir horas adicionais, os xogos compatibles, a dispoñibilidade por mercados e o sistema para consultar o tempo restante. Xbox asegura que terá en conta as reaccións dos usuarios antes e despois da entrada en vigor das novas condicións e que comunicará os posibles cambios que decida aplicar.
