
A Xunta organizará o vindeiro 8 de outubro, na Cidade da Cultura, a xornada Os museos na encrucillada tecnolóxica: estratexias de xestión e comunicación, dirixida ao persoal técnico dos centros integrados no Sistema Galego de Centros Museísticos.
A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pretende favorecer a actualización profesional e a transformación dixital destas institucións, así como proporcionar aos seus profesionais ferramentas para afrontar a modernización dos espazos expositivos. A programación abordará o emprego de TIC aplicadas ao patrimonio, como a fotogrametría e a impresión 3D, ademais de analizar estratexias eficaces para a xestión dixital.
A xornada reunirá especialistas en comunicación dixital, divulgación cultural e científica e innovación aplicada ao patrimonio, que compartirán as súas experiencias a través de varios relatorios. O encontro rematará cunha mesa redonda cos participantes.
A programación está aberta a todos os centros integrados no sistema de museos, cuxo persoal poderá inscribirse a través do correo electrónico ata completar as 120 prazas dispoñibles.

