
Apple presentou os iPhone 18 Pro e iPhone 18 Pro Max, dous smartphones que sitúan a fotografía, o vídeo, o rendemento e a autonomía no centro das principais novidades. A cámara principal Fusion de 48 megapíxeles estrea apertura variable, mentres que o novo chip A20 Pro, fabricado con tecnoloxía de 2 nanómetros, promete un importante incremento de potencia e eficiencia.
A cámara principal é a gran novidade do sistema fotográfico. Por primeira vez nun iPhone, incorpora un mecanismo de seis láminas cortadas con láser que permite modificar de maneira fluída a apertura do obxectivo. O sistema pode axustala automaticamente para adaptar a profundidade de campo e a iluminación ás condicións da escena, cunha apertura máxima de f/1,48, e tamén permite seleccionar manualmente catro valores desde a aplicación Cámara.
O novo sensor e o procesamento computacional melloran o nivel de detalle e o comportamento en condicións de pouca luz. Os Estilos Fotográficos tamén incorporan novos controis de textura e gran, mentres que os controis profesionais permiten modificar directamente parámetros como a apertura, a velocidade de obturación e o balance de brancos, ademais de consultar un histograma para controlar a exposición.
As capacidades de vídeo tamén medran con efectos do modo Cine que poden aplicarse despois da gravación en vídeos de ata 60 fotogramas por segundo e coa posibilidade de crear vídeos time-lapse en 4K con Dolby Vision. A función Mezcla de Audio emprega novos algoritmos para mellorar as voces e permite illar a música.

A aposta pola autenticidade das fotografías materialízase en Imaxe de Referencia de Apple. O novo modo emprega información asinada polo sensor da cámara e permite crear unha versión inalterable da imaxe que queda asociada á fotografía orixinal na aplicación Fotos. Deste xeito, é posible comparar a captura co seu estado posterior e comprobar se foi editada. Apple tamén prevé ofrecer API para que aplicacións de terceiros en iOS, iPadOS e macOS poidan acceder a estas imaxes de referencia. A compañía engade ademais compatibilidade con SynthID para facilitar a identificación de imaxes xeradas ou modificadas mediante intelixencia artificial.
A illa dinámica tamén foi redeseñada. O novo deseño deixa máis espazo para información e pode mostrar ata tres actividades en directo simultaneamente, mantendo o funcionamento de Face ID para o desbloqueo, o inicio de sesión en aplicacións e a autorización de compras.
O procesador A20 Pro está fabricado mediante un proceso de 2 nanómetros e conta cunha CPU de seis núcleos, unha GPU de sete núcleos e un dobre Neural Engine de 16 núcleos. O ancho de banda da memoria aumenta un 50 % fronte ao A19 Pro, mentres que a GPU pode ofrecer ata un 40 % máis de rendemento gráfico. O sistema de procesamento de intelixencia artificial tamén duplica a potencia respecto á xeración anterior.
A conectividade corre a cargo do novo chip N1, compatible con Wi-Fi 7, Bluetooth 6 e Thread, e do módem C2, que incorpora melloras baseadas en intelixencia artificial para incrementar a calidade e fiabilidade das conexións móbiles. Segundo Apple, o C2 permite subir contido a maior velocidade ca o C1X e reduce un 15 % o consumo enerxético.
O deseño térmico foi revisado para manter o rendemento durante períodos prolongados. O A20 Pro queda conectado directamente a unha nova cámara de vapor, fabricada con novos materiais e cunha superficie tres veces maior ca a empregada no iPhone 17 Pro. O resultado, segundo os datos facilitados por Apple, é ata un 40 % máis de rendemento constante.
A autonomía tamén recibe unha mellora especialmente importante no iPhone 18 Pro Max, que combina a maior batería cunha maior eficiencia do novo procesador. O modelo pode ofrecer ata 30 horas de uso cunha carga completa segundo o novo modelo de estimación de Apple baseado en datos reais. Cinco minutos de carga por cable proporcionan arredor de sete horas de reprodución de vídeo. O iPhone 18 Pro pode alcanzar o 50 % de carga en aproximadamente 15 minutos por cable e en 30 minutos mediante carga sen fíos.
Os dous modelos funcionan con iOS 27 e a nova xeración de Apple Intelligence. Entre as novidades están novas ferramentas de edición e composición na aplicación Fotos, a xeración de imaxes fotorrealistas en Image Playground e a función Notificarme de Safari, que pode avisar de cambios en páxinas web como modificacións de dispoñibilidade ou descontos.

Os iPhone 18 Pro e 18 Pro Max estarán dispoñibles con 256 GB, 512 GB, 1 TB e 2 TB de almacenamento. Ambos chegarán en negro, prata, azul glacial e bordeos. O iPhone 18 Pro terá un prezo inicial de 1.469 euros, mentres que o iPhone 18 Pro Max partirá de 1.619 euros.
As reservas abriranse o sábado 12 de setembro e a dispoñibilidade comezará o venres 18 de setembro. iOS 27 chegará como actualización o 14 de setembro.
A nova xeración tamén estará acompañada de fundas de silicona, fundas de tecido técnico, carteiras e correas Crossbody. A nova correa de pulso permitirá levar o iPhone coas mans libres e poderá utilizarse tamén cos AirPods Pro 2 e AirPods Pro 3. Os prezos partirán dos 29 euros para a correa de pulso, 59 euros para a funda transparente e de silicona e 69 euros para a funda de tecido técnico, a carteira e a correa Crossbody.

