
A XXV edición dos Premios Mestre Mateo xa ten aberto o prazo de inscrición, que permanecerá dispoñible ata o 30 de setembro de 2026 ás 14:00 horas. A nova edición incorpora unha regulación específica do uso da intelixencia artificial xerativa nas obras candidatas e introduce cambios nas categorías de obras e profesionais.
Todas as producións deberán declarar obrigatoriamente se empregaron IA xerativa e, de ser o caso, especificar o tipo de utilización. As bases distinguen entre uso nulo, uso auxiliar e uso significativo.
O uso auxiliar comprende ferramentas destinadas a tarefas técnicas non creativas, como a corrección de cor, a subtitulación, a limpeza de audio, a tradución ou a produtividade durante a posprodución, e é compatible con todas as categorías. O uso significativo refírese á aplicación de IA xerativa en elementos creativos nucleares como imaxes, personaxes, voces, música ou guión.
As obras nas que exista un uso significativo da IA poderán participar nas categorías de produción, pero os profesionais non poderán optar ás categorías individuais relacionadas cos elementos xerados mediante IA, salvo que se acredite autoría humana. A omisión da información ou unha declaración falsa ou incompleta poderá provocar a exclusión da candidatura ou a retirada do premio.
A edición incorpora oito novas categorías de obras (para diferenciar formatos e ámbitos de creación): Mellor Longametraxe, Mellor Longametraxe en Lingua non galega, Mellor Curtametraxe de Ficción, Mellor Curtametraxe Documental, Mellor Serie, Mellor Serie en Lingua non galega, Mellor Programa Informativo, Divulgativo ou de Actualidade e Mellor Programa de Variedades ou de Entretemento.
As categorías profesionais de dirección pasan a diferenciar entre Mellor Dirección de Longametraxe, Mellor Dirección de Serie e Mellor Dirección de Programa. Tamén se reorganizan as categorías de comunicación, con premios específicos para os comunicadores de programas informativos, divulgativos ou de actualidade e para os de variedades ou entretemento.
As producións que cumpran a porcentaxe de titularidade galega esixida (entre o 10 % e o 19 %), pero non acaden os sete puntos mínimos de profesionais galegos e elementos de galeguidade, non poderán inscribirse nas categorías de produción. Si poderán presentar os profesionais galegos que participasen na obra.
O período de admisión comprende as obras que tivesen a súa primeira comunicación pública entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2026.

