
En outubro o Concello de Cangas e o MUVI porán o foco nas vertentes máis creativas, educativas, enriquecedoras, participativas e beneficiosas do ámbito gamer. Será a través das II Xornadas do Galego no Videoxogo e Uso Saudable.
Estes encontros celebraranse os días 2 e 3 de outubro na vila de Cangas, coa presenza de especialistas en medicina e saúde mental, divulgadores e profesionais do sector, nun programa que contará tamén coa apertura gratuíta do MUVI (o Museo do Videoxogo) ao público.
O Concello de Cangas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza estas xornadas na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal cunha proposta especialmente orientada ás familias, que busca falar de videoxogos dende o coñecemento profesional, achegarse aos hábitos de uso da rapazada, resolver dúbidas e ofrecer ferramentas para acompañar o seu uso nos fogares.
As xornadas contarán coa participación da psiquiatra Iria Veiga e do médico de atención primaria Galo Martínez, que achegarán unha perspectiva sanitaria rigorosa a cuestións que preocupan especialmente ás familias: tempo de uso, hábitos saudables, posibles usos problemáticos, recomendacións profesionais ou pautas para integrar os videoxogos de maneira equilibrada na vida cotiá de nenos, nenas e adolescentes.

Intervirán Lucas Costas, experto do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVi), e Mario Brión (Herr Mario), que actuará como moderador e tamén achegará as súas experiencias como personalidade das redes sociais.
As entidades organizadoras confirmaron que “estas xornadas terán un carácter aberto e participativo”. Así, explicaron, “non se trata só de escoitar aos especialistas: as familias poderán formular preguntas, expoñer as súas preocupacións e experiencias e participar no debate; de feito o obxectivo é crear un espazo próximo ao que achegar coñecemento e información útil para poder abordar o videoxogo con criterio dende o ámbito familiar”.
O evento tamén quere amosar o videoxogo desde outra perspectiva: como cultura, creación e lingua. Haberá así espazo para coñecer e probar videoxogos en galego e para descubrir a historia do videoxogo galego, contribuíndo así a asociar a nosa lingua cun ámbito actual, tecnolóxico e especialmente próximo ás xeracións máis novas. O galego será, ademais, a lingua vehicular das xornadas e do intercambio co público.
As entidades organizadoras salientan tamén que un dos momentos destacados chegará o sábado 3 pola tarde, cando o Museo do Videoxogo de Galicia abra de balde ao público a partir das 16.30 horas. Deste xeito as persoas participantes poderán coñecer e interactuar cos videoxogos e trasladar á práctica algunhas das cuestións tratadas durante as sesións.
De feito, o MUVI (centro integrado no Sistema de Centros Museísticos de Galicia) actuará como parte clave desta proposta que combina divulgación, participación, cultura dixital e normalización lingüística.
As actividades desenvolveranse o venres 2 pola tarde e o sábado 3 pola mañá na sala de exposicións do Auditorio de Cangas, ademais da apertura gratuíta do MUVI o sábado pola tarde. Con esta segunda edición, Cangas dá continuidade a unha iniciativa que sitúa o videoxogo dentro da conversa pública desde unha perspectiva próxima ás familias e vinculada tamén ao uso e á presenza do galego.
As II Xornadas do galego no videoxogo están organizadas polo Concello de Cangas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co MUVI, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

