
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as principais liñas do Plan Senda 2028, a folla de ruta da Xunta para continuar coa transformación dixital da Administración de Xustiza e adaptala aos cambios introducidos pola nova Lei de eficiencia do Servizo Público de Xustiza. O plan conta cun investimento de 24,4 millóns de euros e incorpora novas solucións tecnolóxicas para mellorar a xestión xudicial, facilitar o traballo dos profesionais e facer máis accesible a Xustiza á cidadanía.
José Tronchoni sinalou que o Senda 2028 dá continuidade ao traballo desenvolvido polo anterior Senda 2025, que permitiu avanzar na dixitalización da Administración de Xustiza coa implantación do expediente xudicial electrónico, a extensión das canles de relación dixital e a dotación de novas infraestruturas e ferramentas.
O novo plan parte desta base para responder aos cambios normativos, organizativos e procesuais derivados da Lei Orgánica 1/2025, que supuxo unha transformación do modelo de organización da Xustiza en Galicia, e para incorporar novas capacidades tecnolóxicas ao servizo dos profesionais e da cidadanía.
O Senda 2028 conta cun orzamento de 24,4 millóns de euros, dos que 17,5 millóns proceden de fondos propios da Comunidade Autónoma e 6,9 millóns do programa Galicia FEDER 2021-2027. Esta dotación corresponde ás actuacións específicas do ámbito da Xustiza e non inclúe as iniciativas tecnolóxicas de carácter transversal da Xunta.
O Plan Senda 2028 está dirixido ao conxunto dos profesionais que participan na Administración de Xustiza en Galicia. Máis de 3.600 profesionais, entre xuíces e maxistrados, letrados da Administración de Xustiza, fiscais, persoal de xestión, tramitación e auxilio, así como profesionais do ámbito forense e equipos técnicos, beneficiaranse das novas ferramentas e servizos previstos. A eles súmanse máis de 9.200 profesionais da Xustiza (avogados, procuradores e graduados sociais) que se relacionan habitualmente coa Administración e que tamén poderán beneficiarse da evolución das súas canles dixitais.
Un dos eixes centrais do plan será a xestión intelixente do expediente xudicial electrónico, que permitirá seguir avanzando cara a unha tramitación integramente dixital, cun acceso máis integrado, áxil e seguro á información e á documentación dos procedementos.
Neste ámbito evolucionarán as ferramentas de consulta e xestión do expediente e os servizos asociados. Entre elas destaca o Visor Intelixente do EXE (ViaEXE), que facilita a localización e consulta da información dos expedientes e permite un acceso máis sinxelo e seguro á documentación, aos metadatos e ás actuacións.
O plan contempla tamén a incorporación progresiva da intelixencia artificial como ferramenta de apoio ao traballo dos profesionais da Xustiza, sempre baixo criterios de uso responsable, seguro e supervisado. Entre as capacidades previstas figuran a asistencia conversacional, a textualización, a anonimización, a elaboración de resumos e a detección de identidades.
Atenea, novo sistema de xestión procesual
Outra das principais novidades será a posta en marcha de Atenea, o novo sistema de xestión procesual que substituirá a Minerva. A súa implantación permitirá adaptar as ferramentas tecnolóxicas ao novo modelo organizativo da Administración de Xustiza e facilitar o traballo diario dos profesionais.
Atenea integrarase na infraestrutura tecnolóxica de Galicia e permitirá simplificar procesos, mellorar a produtividade e facilitar o intercambio seguro de información cos distintos axentes que interveñen na actividade xudicial. Ademais, ofrecerá un contorno bilingüe, incorporando as dúas linguas oficiais.
O novo sistema contribuirá tamén a avanzar na interoperabilidade da Administración de Xustiza mediante a integración cos principais sistemas de información xudicial e o intercambio automatizado de documentos e expedientes. O obxectivo é que a información poida circular de forma máis áxil, segura e eficiente entre os distintos organismos e sistemas.
Máis servizos dixitais para a cidadanía
O Plan Senda 2028 incorpora medidas destinadas a facer a Xustiza máis próxima, accesible e comprensible, especialmente para as persoas e colectivos que poden atopar maiores dificultades na súa relación coa Administración.
Está prevista a evolución da Sede Xudicial Electrónica, coa ampliación dos trámites e da información dispoñible e novas posibilidades de acceso dixital aos servizos xudiciais.
Tamén se reforzarán as Oficinas de Xustiza no Municipio, dotándoas de novas capacidades tecnolóxicas para ampliar os servizos que ofrecen á cidadanía e facilitar o acceso á Xustiza, especialmente nas zonas rurais.
O plan contempla ademais a implantación dun sistema integral de acompañamento e atención nas sedes xudiciais, con ferramentas para facilitar a xestión de citas e citacións, orientar sobre os trámites e axudar á cidadanía a localizar os espazos dentro das sedes.
Entre os novos mecanismos para facer máis accesible a Xustiza atópanse Conecta Xustiza, que facilitará a atención e a participación remota sen necesidade de desprazamentos, e Conversa Xustiza, un asistente virtual especializado que ofrecerá información básica sobre os servizos, procedementos e canles dixitais da Administración de Xustiza.
Con estas medidas, o Senda 2028 aposta por unha Xustiza dixital e intelixente na que a tecnoloxía permita mellorar a eficiencia e ampliar as capacidades dos profesionais, mantendo o seu papel esencial e as garantías propias do Estado de Dereito.
