
Rockstar Games anunciou Grand Theft Auto VI: The Album, o álbum oficial creado en colaboración con Atlantic Records e que estará dispoñible o 19 de novembro, coincidindo co lanzamento de Grand Theft Auto VI. O disco xa se pode reservar nas principais plataformas de música en streaming, mentres que as edicións físicas en vinilo e CD están dispoñibles en compra anticipada.

O álbum reunirá 34 temas orixinais de artistas de diferentes xéneros para acompañar a ambientación de Vice City e Leonida. As seis primeiras cancións xa se poden escoitar nos servizos de música en streaming: Yung Lean con Future e Metro Boomin en That’s It; Travis Scott en RHYNO, producido por Guy-Manuel de Homem-Christo; CA7RIEL & Paco Amoroso, PinkPantheress, Fred again.. e Etienne de Crécy en Sexy Magic; Morgan Wallen en Last Thing You Need; Rauw Alejandro en Macacoa 2000; e Keith Richards en Bright Lights, Big City.

As edicións físicas chegarán tamén o 19 de novembro. Comercializaranse tres edicións exclusivas a través da súa tenda en liña oficial: un vinilo de edición limitada con líquido no seu interior, outro con acabado salpicado e unha edición en CD. Tamén haberá diferentes cores de vinilo con ilustracións propias a través de Blood Records, Best Buy, Walmart, Amazon, Barnes & Noble, Target, Urban Outfitters e tendas independentes.
Rockstar adiantou que proximamente dará máis detalles sobre o apartado musical do xogo, incluíndo a banda sonora dinámica e a evolución das emisoras de radio integradas en Grand Theft Auto VI, pero o que queda claro é que a aposta da franquía polo seu apartado musical segue firme, e promete ter un importante impacto nos artistas participantes, como aconteceu en edicións anteriores da saga.

