
A saga de acción e zombis protagonizada por Juliet terá unha nova entrega completamente inédita, Lollipop Chainsaw 2 Back2Back, que chegará a PlayStation 5 en 2027. O título foi presentado oficialmente durante o Tokyo Game Show 2026, onde os asistentes poden probalo en persoa.
Juliet, a cazadora de zombis que se converteu nun dos personaxes máis recoñecibles da serie, regresará cun novo traxe e unha motoserra máis potente. Tamén volverá Nick, o seu noivo decapitado, aínda que o primeiro material presentado volve deixar no aire que lle sucederá nesta ocasión.

Manterá a combinación de estética colorista e acción especialmente violenta que caracteriza Lollipop Chainsaw. Juliet terá que enfrontarse a grandes grupos de zombis empregando a súa motoserra, nun sistema de combate que busca conservar o carácter espectacular e directo da serie.
O novo xogo está sendo desenvolvido por JP Universe, empresa fundada en 2022 por Hajime Tabata, coñecido polo seu traballo en Final Fantasy XV. O proxecto nace da colaboración entre Nada Holdings, compañía global con sede en Taiwán, e Dragami Games, responsable de Lollipop Chainsaw RePOP.

Tamén participan no desenvolvemento varios integrantes do equipo orixinal. Entre eles están Masahiro Yuki, responsable do guión da primeira entrega, e Nekoshowgun, que traballou no deseño de personaxes e na dirección artística.
A presentación mundial ten continuidade no Tokyo Game Show 2026, onde Lollipop Chainsaw 2 Back2Back conta cun espazo no posto de Sega/Atlus. Haberá unha versión xogable, presenza de cosplayers e un escenario especial con membros destacados do equipo.
A nova entrega chega despois de Lollipop Chainsaw RePOP, remake publicado en 2024 que recuperou a aventura orixinal. A serie supera os 1,5 millóns de unidades vendidas en todo o mundo.

Lollipop Chainsaw 2 Back2Back está previsto para 2027 en PlayStation 5. Polo momento non se coñecen detalles como o prezo ou se contará con versións para máis plataformas (algo que semella previsible se tempos en conta que a última entrega está presente incluso en Switch 2).
Este xogo non será o único produto desta franquía, estando tamén prevista unha adaptación ao anime da que aínda non se teñen detalles.

