
A Academia Galega do Audiovisual introduciu varias modificacións nas bases dos XXV Premios Mestre Mateo, coincidindo co 25 aniversario dos galardóns. Os cambios afectan, entre outras cuestións, ás categorías de obras en galego, ao uso da intelixencia artificial, á representación da televisión e á separación entre cine e televisión nalgunhas categorías profesionais, cambios que provocaron certa reacción que levou a que a xunta directiva da entidade tivese que realizar un comunicado oficial ao respecto.
A entidade explica que as modificacións responden ao obxectivo de adaptar os premios á evolución do sector e mellorar a representatividade das distintas áreas profesionais. Para definir un modelo máis amplo de premios, en setembro de 2025 constituíuse unha comisión formada por dez académicos voluntarios de diferentes perfís profesionais, que traballou durante nove meses nun borrador con máis de 50 categorías.
A protección da lingua galega é un dos principais cambios. As categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie quedarán reservadas ás producións en galego, mentres que se crea unha categoría específica para longametraxes e series en castelán ou noutras linguas. A Academia xustifica a decisión pola necesidade de reforzar a visibilidade das obras en galego e sinala que segue modelos empregados polos Premios Gaudí e os Premios Goya.
As novas bases tamén incorporan unha declaración sobre o uso da intelixencia artificial. Permitirase a utilización auxiliar da IA como ferramenta, pero quedará excluído o uso considerado significativo, así como o xerativo ou creativo. A Academia pretende preservar deste xeito a autoría e a creatividade humanas, aínda que recoñece que se trata dun primeiro paso que deberá ser revisado a medida que evolucionen as ferramentas e os mecanismos de control.
A televisión gañará peso nos premios coa ampliación das categorías relacionadas cos profesionais e formatos televisivos, entre elas a de Mellor Comunicador e as correspondentes aos diferentes tipos de programas. A Academia considera que existía un desequilibrio cuantitativo entre as categorías dedicadas ao cine e á televisión.
Tamén se dividirá a competición de curtametraxes entre ficción de imaxe real, animación e documental, coa intención de facilitar a participación destas producións e reforzar unha modalidade que, segundo a Academia, constitúe para moitos profesionais unha porta de entrada ao sector audiovisual.
A desaparición da categoría de Mellor Web Serie é outro dos cambios anunciados. A Academia considera que a expansión das plataformas dificultou establecer unha definición clara de webserie baseada en criterios que non sexan orzamentarios ou de produción. As obras que anteriormente podían competir nesta categoría pasarán a facelo nas categorías de Series e Series en Lingua non galega.
A solicitude da cualificación do ICAA tampouco será un requisito para presentar unha produción aos premios, aínda que si será necesaria para incorporala aos ciclos de exhibición organizados no marco dos Mestre Mateo.
A edición do 25 aniversario tamén comezará a separar cine e televisión nalgunhas categorías técnicas e artísticas. A dirección será a primeira delas, ao considerar a Academia que non resulta «nada equitativo» comparar o traballo desenvolvido nunha película co dunha serie ou un programa. A intención é ampliar progresivamente esta diferenciación a outras categorías, aínda que a aplicación de todas as modificacións propostas pola comisión requirirá máis tempo e consultas.
