
A pasada fin de semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzou o terceiro episodio do podcast Galicia Calidade, que nesta ocasión ten como convidado ao xornalista Álex Fidalgo, creador de Lo que tú digas, un espazo de entrevistas a personalidades influentes que se consolidou como un dos podcasts máis populares en español.
Durante a conversa, Rueda e Fidalgo abordan o proceso que segue o xornalista para elaborar o seu programa, así como os seus inicios profesionais. Tamén tratan cuestións relacionadas coa saúde mental e coa visión de Galicia e dos galegos que existe fóra da comunidade.
Este terceiro episodio dá continuidade a un proxecto que comezou coas conversas co pediatra Federico Martinón e coa triatleta e campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio.
Podcast Galicia Calidade
A iniciativa consiste na publicación dunha entrevista mensual con referentes da sociedade galega en ámbitos como a ciencia, a medicina, o deporte, a cultura, a comunicación ou a empresa. O obxectivo é poñer o foco no talento e no potencial da comunidade, a Galicia Calidade, e destacar os logros dun territorio competitivo, innovador e inclusivo.
O podcast pode seguirse na canle de YouTube da Xunta de Galicia e tamén se difunde a través das redes sociais do titular do Executivo autonómico.
Os episodios estrutúranse arredor dunha conversa informal entre o presidente e o convidado, na que se repasan a súa traxectoria e os retos que ten por diante Galicia. As entrevistas rematan cunha serie de cuestións persoais e fixas que se formulan a todos os participantes.
