
A estrea de The Savant, prevista inicialmente para o 26 de setembro de 2025, volve estar en marcha, segundo informacións publicadas por Deadline. Apple TV prevé lanzar a serie na primavera de 2027, cunha planificación que permitiría a súa candidatura aos premios Emmy.
A plataforma de streaming decidiu hai preto dun ano adiar a estrea debido á temática da serie, centrada na prevención de ataques extremistas, e a determinadas imaxes, entre elas escenas de ataques con francotiradores. A decisión produciuse dúas semanas despois do asasinato do activista político estadounidense de dereitas Charlie Kirk. «Despois dunha coidadosa consideración, tomamos a decisión de aprazar The Savant. Agradecemos a súa comprensión e esperamos estrear a serie nunha data futura», sinalara Apple TV nun comunicado.
A suspensión provocara dúbidas sobre se a produción remataría estreándose, aínda que Apple TV mantivo desde o principio que se trataba dun aprazamento e non dunha cancelación. A nova planificación confirma agora a intención de estreala.

Creada, escrita e producida por Melissa James Gibson, The Savant está producida por Fifth Season e Anonymous Content e segue unha investigadora infiltrada coñecida como The Savant (interpretada por Jessica Chastain), que se introduce en grupos de odio na Internet para tratar de impedir que extremistas nacionais leven adiante ataques.
O elenco complétase con Cole Doman, Jordana Spiro, Trinity Lee Shirley, Toussaint Francois Battiste e Michael Patrick Thornton, ademais de Pablo Schreiber como actor convidado. James Badge Dale terá un papel recorrente de relevancia.
Chastain e Kelly Carmichael figuran como produtoras executivas a través de Freckle Films, xunto con Alan Poul, Melissa James Gibson e Matthew Heineman, que tamén dirixe episodios. David Levine e Garrett Kemble son produtores executivos por parte de Anonymous Content, mentres que Stanley participa como consultor.
