
A investigadora do CITIC e profesora de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Verónica Bolón, participou o pasado 21 de setembro na xornada IA360: Plan para un despregue responsable da IA, celebrada no complexo de La Moncloa con motivo da presentación do novo Plan IA360 do Gobierno de España.
Bolón formou parte do panel de expertos da xornada, moderado pola secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, xunto ao presidente de Ideas da Axencia Española de Supervisión de la Intelixencia Artificial (a AESIA, con sede na Coruña) e director do CiTIUS da USC, Senén Barro, e a matemática e profesora da Universidad Carlos III Rosa Lillo.
Durante o encontro abordáronse cuestións como a regulación e gobernanza da intelixencia artificial, a confianza dos usuarios, o emprego consciente da tecnoloxía, a eficiencia e sustentabilidade dos sistemas de IA e a autonomía tecnolóxica.
As e os participantes no panel tamén destacaron a necesidade de reducir dependencias e aproveitar as capacidades existentes en España, especialmente en eidos como o talento e o desenvolvemento de modelos de intelixencia artificial.
A xornada contou coa participación de representantes do Goberno, expertos e profesionais do ámbito da IA. Na súa intervención de clausura, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou o Plan IA360, unha folla de ruta que recolle actuacións para os vindeiros doce meses e que ten entre os seus obxectivos reforzar as capacidades tecnolóxicas de España, impulsar a adopción da IA como motor económico e de xeración de talento, fortalecer a súa gobernanza e promover un acordo de país ante os cambios derivados desta tecnoloxía.
O plan contempla, entre outras medidas, proxectos estratéxicos para reforzar as capacidades da IA en España, iniciativas dirixidas a pemes e autónomos, actuacións en materia de formación e educación, o reforzo da ciberseguridade e un contrato social pola intelixencia artificial que reúna a empresas, traballadores, sindicatos, partidos e poderes públicos.
Segundo informou o CITIC, “a presenza de Verónica Bolón nesta xornada pon de relevo o papel da Universidade da Coruña como espazo de coñecemento e referencia en investigación en intelixencia artificial, así como a contribución da comunidade científica galega aos debates que están a definir o desenvolvemento e a aplicación desta tecnoloxía en España”.

