
O congreso Raiola Marketing Conference (RMC) reúne hoxe en PALEXCO (A Coruña) a 600 persoas na súa novena edición, centrada novamente na mercadotecnia dixital e nas transformación que experimenta nos últimos tempos. De feito, intelixencia artificial é un dos grandes eixos desta edición, cun programa que aborda desde as súas aplicacións no día a día ata o seu impacto no posicionamento e no futuro profesional do sector.
A cita conta con 15 recoñecidos profesionais do marketing dixital, que protagonizan oito relatorios e dúas mesas redondas centradas en SEO e emprendemento dixital.
Dende Raiola destacan que o 80% dos participantes proceden de fóra do municipio e máis dunha cuarta parte desprázase desde outros puntos de Galicia e do resto de España.

A xornada, que se desenvolve de 9.00 a 20.00 horas, está conducida por Benlly Hidalgo, consultor e formador en mercadotecnia dixital especializado en psicomarketing e fundador de PostGradum University Education, e por Álvaro Fontela, co-fundador e director executivo (CEO) de Raiola Networks, a empresa organizadora. O encontro pode seguirse tamén en streaming.
“Nós somos galegos e, durante anos, tivemos que desprazarnos fóra da nosa terra para asistir a este tipo de congresos. Precisamente RMC naceu para que un profesional galego non tivese que facelo. Nove anos despois, comprobamos que o que viaxa é o de fóra, xa que os asistentes das dúas últimas edicións procedían de 43 provincias, 132 municipios e dez países. Un 26,8% viaxa desde fóra de Galicia”, indicou Álvaro Fontela, quen situou a intelixencia artificial como o eixo que vertebra toda a programación deste ano: “Está a cambiar a unha velocidade enorme a forma de traballar de todo o sector. Parecíanos importante xerar un espazo para analizar eses cambios con xente que está na vangarda”.
A programación matinal arrincou con Miguel Florido, consultor de mercadotecnia dixital e director de Marketing and Web, que abordou as posibilidades da intelixencia artificial para optimizar o traballo dos profesionais do sector en 7 tarefas de márketing que nunca volvería facer manualmente grazas á IA.
A continuación, Roxana Falasco, creadora de contido en Youtube e fundadora de VideoCursosOnline, puxo o foco no vídeo como ferramenta de negocio; e Alvar González, xestor de contas en Hotmart, analizou o que están a facer os creadores que conseguen converter a súa audiencia en vendas, a partir dos datos da plataforma. Pechou o bloque Guille Bouzas, recoñecido por Forbes como número un en Social Media Marketing, cun relatorio sobre como converter o alcance en redes sociais en vendas reais.
Tras a pausa para o café celébrase a mesa redonda Actualidade SEO, con Luis M. Villanueva, co-fundador e CEO do Grupo Webpositer; MJ Cachón, consultora SÉ e fundadora da axencia LAIKA; Chuiso, experto en SEO e monetización en liña e creador da comunidade TeamPlatino; e Olga Ortega, consultora de posicionamento especializada en intelixencia artificial. O bloque matinal péchao David Bonilla, co-fundador de Pétalo e autor da Bonilista, con Vivir dunha audiencia de 1.000 persoas.

A sesión de tarde ábrese con Hugo López, co-fundador de LeadMadness e especialista en embudes de venda, que falará sobre como crear anuncios imposibles de ignorar. Seguiralle a segunda mesa redonda dedicada ao emprendemento con David Marchante, CEO do grupo Powerexplosive e fundador do Instituto de Rendemento Empresarial; Alejandro Novás, de Vivir de tu Pasión; e Ángel Pardo, de Metapro Academy.
Anna Pavlyuk, CEO de TuMadre Marketing e creadora de contido con máis de 120.000 seguidores, centrará a súa intervención nas claves para combinar viralidade e conversión en Instagram. O peche corre a cargo de Brais Moure, enxeñeiro de software e divulgador coñecido en redes como MoureDev, que exporá en Como sobrevivir a unha IA que tenta substituírte unha reflexión sobre como adaptarse a un escenario no que a intelixencia artificial está a redefinir perfís e oportunidades profesionais.

