
Será na coruñesa Domus onde o vindeiro sábado, 3 de outubro, teña lugar a Feira de Tecnoloxías Abertas OSHWDem 2026, un encontro gratuíto celebrado coa colaboración do Concello da Coruña que traerá á cidade de novo unha ampla programación de actividades divulgativas, charlas, demostracións tecnolóxicas e obradoiros para todos os niveis.
“Eventos como este son fundamentais para reforzar a divulgación científica na cidade, usando ademais como sede a Domus, que é unha referencia da divulgación a nivel nacional. Será unha xornada aberta, para todas as idades e todos os niveis de experiencia. Unha porta para espertar intereses ou aumentalos. Desde o Goberno de Inés Rey recibimos sempre cos brazos abertos iniciativas así”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Indo ás temáticas incluídas no cartel, sinalar que son moi variadas, sempre dentro do eido da tecnoloxía, mesturando electrónica, robótica, radioafección, charlas e obradoiros para todos os niveis, e competicións de robótica (mini-sumo, segueliñas, combate e Hebocom).
A salientar un dos eventos máis orixinais da programación desta edición, trátase das competicións de robótica. Este concurso aberto (que require inscrición previa), consta de diferentes categorías: Laberinto, Segueliñas Iniciación, Velocistas, Combate e Minisumo Hebocon.
Engadir que as persoas interesadas en participar poderán acceder tanto a competicións en solitario como en equipo.

