
Nothing pon á venda os Headphone (1) Pro, uns auriculares circumaurais que introducen melloras no deseño e na cancelación activa de ruído (ANC), ademais dun sistema de tres transdutores que permiten un maior control sobre a reprodución sonora. Estes auriculares, sucesores dos Headphones (1), chegan á mercado en cor branca ou negra a un prezo de 349 euros.
O deseño mantén a identidade visual característica de Nothing, pero incorpora algúns cambios para mellorar o confort. O peso queda en 327 gramos, mentres que as almofadas son máis brandas, a diadema é máis ancha e conta con maior acolchado. Tamén se substitúen algunhas das superficies plásticas do modelo anterior por vidro e redúcense os detalles decorativos.
A principal novidade atópase no sistema acústico. Cada auricular combina un transdutor dinámico de 40 mm destinado ás frecuencias graves, un segundo transdutor dinámico de precisión de 13 x 8 mm para os medios e un transdutor xMEMS de estado sólido de 3,2 × 6 × 1,15 mm para os agudos. O conxunto ofrece unha resposta de frecuencia de 20 Hz a 40.000 Hz.

A aplicación Nothing X permite configurar de maneira independente os diferentes elementos mediante un ecualizador paramétrico avanzado. O sistema foi desenvolvido coa colaboración de Metropolis Studios e inclúe tamén varios modos de audio espacial, con opción de seguimento da cabeza.
Un dos elementos máis particulares é o interruptor físico Flat EQ, que permite desactivar o procesamento asociado á ecualización e ao audio espacial para ofrecer unha resposta máis neutra. A función está especialmente orientada á monitorización e ao traballo en estudio, aínda que tamén se pode empregar durante a escoita convencional.
A cancelación activa de ruído alcanza agora os 46 dB, fronte aos 42 dB dos Headphone (1). O sistema emprega dez micrófonos, cinco por cada lado, para a ANC híbrida, mentres que un sistema independente de catro micrófonos se encarga das chamadas. Tamén se mantén o modo transparencia.
Teñen conectividade Bluetooth 6.1, conexión simultánea a dous dispositivos e compatibilidade con AAC, SBC e LDAC para música, ademais de LC3 para audio de difusión. Os auriculares admiten tamén Auracast, tanto para recibir como para transmitir audio mediante a aplicación Nothing X.

A reprodución de alta resolución pode realizarse sen fíos a través de LDAC e tamén mediante cable. A conexión USB-C permite audio sen perdas de ata 24 bits e 192 kHz, mentres que a entrada de audio de 3,5 mm chega ata 24 bits e 96 kHz. A latencia por Bluetooth pode baixar dos 15 ms mediante o modo de baixa latencia, mentres que por AUX é inferior a 15 ms coa función Flat EQ activada.
A batería ten unha capacidade de 1.060 mAh e ofrece ata 68 horas de reprodución con ANC desactivada ou 30 horas coa cancelación activa. Co codec LDAC, as cifras baixan a 53 e 28 horas, respectivamente. A carga rápida permite obter ata catro horas de reprodución con cinco minutos de carga sen ANC, ou dúas horas coa cancelación activada.
Os auriculares incorporan os controis físicos xa característicos da gama, cunha roda para o volume e a reprodución, unha panca para controlar as pistas e as chamadas e un botón dedicado ao asistente. Tamén hai un interruptor independente para activar o Flat EQ e outro para o acendido.

Os Headphone (1) Pro teñen certificación IP52 e son compatibles con Google Fast Pair e Microsoft Swift Pair. A caixa de transporte é ríxida e dispón de aneis para engadir unha correa, aínda que deixa parte da diadema exposta.

