
O proxecto europeo EDIGIT (Education and Digital Literacy to Grow Inclusive Talents) reuniu os días 23 e 24 de setembro en Praga (República Checa) representantes das entidades socias para avanzar nas diferentes liñas de traballo desta iniciativa Erasmus+, centrada no desenvolvemento de competencias dixitais e na incorporación da inclusión e da accesibilidade á educación STEM. Entre estas entidades atopábase o CITIC da UDC.
En representación do centro da Universidade da Coruña participaron Javier Pereira e Irene Brage, acompañados por tres docentes vinculados a Talentos Inclusivos: Lorena García, do CIFP Universidade Laboral, e Nuno Ferreira e Diego Álvarez, do Colexio Santa Teresa de Jesús de Ourense.

A súa participación permitiu incorporar ao encontro a perspectiva dos centros educativos que xa traballan con metodoloxías colaborativas de tecnoloxía e inclusión.
A reunión permitiu realizar un seguimento conxunto da evolución de EDIGIT e, especialmente, concretar o paso cara a unha nova fase do proxecto, centrada na validación dos materiais desenvolvidos e nas probas piloto da plataforma formativa.

O CITIC presentou tamén a proposta inicial para as sesións de Formación de Formadores, que se celebrarán na Coruña en 2027. Estas accións combinarán formación sobre os contidos desenvolvidos en EDIGIT con actividades prácticas e experiencias de co-creación inclusiva. Por certo que nestas actividades prácticas está programado tirar proveito da experiencia adquirida a través de Talentos Inclusivos (CITIC), incorporando retos e metodoloxías de traballo nas que diferentes perfís colaboran na identificación de necesidades, na análise de barreiras e no deseño e proba de solucións tecnolóxicas inclusivas.
O programa da reunión incluíu tamén unha visita ao Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (GJGJ) de Praga, entidade socia de EDIGIT e anfitrioa deste encontro, que permitiu coñecer de primeira man a súa experiencia educativa e favorecer o intercambio de boas prácticas entre as persoas participantes.
O encontro de Praga marca así o paso de EDIGIT desde a fase de creación de contidos cara á súa validación e aplicación práctica.

O CITIC informou que “durante os vindeiros meses, o traballo centrarase en traducir e revisar os materiais formativos, probar a plataforma desde o punto de vista funcional e da accesibilidade e preparar as sesións que permitirán trasladar as competencias desenvolvidas polo proxecto a docentes e outros profesionais europeos”.
Deste xeito, EDIGIT busca converter os resultados xerados polo consorcio en recursos formativos e metodoloxías con potencial para seren transferidos a outros centros e contextos educativos, aproveitando tamén a experiencia previa do CITIC en iniciativas como Talentos Inclusivos para impulsar unha educación STEM na que tecnoloxía, accesibilidade e inclusión se integren desde o inicio.
Como lembraremos, Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, que conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas en inglés de Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de educación secundaria, bacharelato e formación profesional de diversos centros de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por persoas usuarias das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.

