
A histórica canle deportiva Gol deixou de emitir nas últimas horas para dar paso a Replay, unha nova canle deportiva de Mediapro que mantén o fútbol como principal protagonista da súa programación. Está dispoñible desde hoxe en diferentes operadores de televisión e tamén pode verse de balde a través de Internet, tanto na súa páxina web como a través da súa canle de YouTube.
Replay colle a remuda de Gol Televisión cunha programación centrada principalmente no fútbol. A canle ofrecerá cada xornada un partido de LaLiga Hypermotion en directo, ademais de programas e resumos de LaLiga EA Sports e acceso a un amplo arquivo de partidos históricos do fútbol español.

A oferta inclúe tamén competicións internacionais, como a Copa de Alemaña, a Première Ligue feminina francesa e a Chinese Super League. O catálogo deportivo complétase con retransmisións e contidos sobre boxeo, kickboxing, deportes de forza, superbikes, motocross, pádel, skate e deportes acuáticos.
Replay está dispoñible en Movistar Plus (dial 79), Orange TV (dial 137), Vodafone TV (dial 315), Digi TV, Euskaltel, R e Andorra Telecom. Tamén se pode acceder á canle a través da OTT de Movistar Plus e de Orange TV Libre, independentemente do operador de telefonía contratado.

