
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en San Caetano un encontro con representantes do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) para analizar os principais retos aos que se enfrontará o sector nos vindeiros anos, especialmente nos ámbitos da innovación e da internacionalización.
Lorenzana destacou o papel do clúster, integrado xa por arredor de 60 empresas e entidades, no impulso da competitividade da industria audiovisual galega e na consolidación da súa posición a través da cooperación empresarial.
O CLAG traballa actualmente para conectar a industria audiovisual coa tecnoloxía, a investigación e a formación, co obxectivo de favorecer a captación de investimentos e reforzar o tecido industrial de Galicia.

