
O presidente de RTVE, José Pablo López, comunicouse formalmente coa Mesa pola Normalización Lingüística para dar conta da “incorporación progresiva” de contidos en galego ás canles de televisión estatais. Na comunicación comprometeuse co comezo da emisión de programación infantil dobrada á nosa lingua na canle infantil Clan antes de finais de ano e co obxectivo de “ampliar as posibilidades de elección e reforzar a diversidade lingüística na nosa oferta infantil”.
López avanzou que entre os contidos previstos figura a serie infantil Momonster, xa cunha dobraxe avanzada á nosa lingua, pero afirmou “que a oferta se irá ampliando progresivamente, en función da dispoñibilidade das versións lingüísticas e dos dereitos de emisión de cada produción”.
O modelo previsto é a emisión en dual, como xa se está facendo na retransmisións deportivas. O presidente do ente televisivo estatal vencella a emisión co cambio de canles previsto para o 5 de novembro, dentro do plan de resintonización, polo que non compromete unha data definitiva ata “a confirmación de que o sistema está preparado para a súa posta en marcha”.
A Mesa expresou que agarda que “o paso anunciado por López se sume axiña ao resto dos compromisos adquiridos polo presidente de RTVE”, fíxoo nunha xuntanza mantida co presidente e coa secretaria xeral da entidade de defensa da lingua na que comprometeu o aumento de contidos en galego en TVE, en Clan e en RNE.
Naquela reunión de traballo, A Mesa reclamáralle ao máximo responsable da RTVE “celeridade no cumprimento da lexislación”, lembrando que “só o 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están na nosa lingua”.
A Mesa recordou que o Estado “debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”.
A Mesa resalta “os avances conseguidos con grade esforzo” polo conxunto da sociedade galega a través da mobilización e da Iniciativa Popular Xabarín. E engade que estes avances están a “ser postos en cuestión polo propio goberno da Xunta do Partido Popular que lonxe de cumprir a obriga de promover o galego, aprobou unha lei de medios públicos que abre a porta a que a TVG deixe de usar o galego e a reducir máis a escasa oferta audiovisual na nosa lingua”.

