
Un total de 65 centros galegos de educación primaria e/ou secundaria participarán na sexta edición do concurso de Telefónica Ciberseguridade no cole!, que promove a cultura da protección tecnolóxica e do uso consciente e seguro das novas ferramentas no ámbito escolar entre alumnos de 10 a 14 anos.
O obxectivo do certame é fomentar que os estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO adquiran os coñecementos e ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais, así como o traballo dunha forma colaborativa na súa fase final.
Manuel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, sinala: “Telefónica, decidida a ser a mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais, é tamén unha compañía comprometida social e culturalmente, máis aló do negocio. Con esta iniciativa, perseguimos crear un impacto positivo na sociedade, promovendo unha cultura da ciberseguridade entre a xente nova”.
A competición, á que se presentaron 23 colexios de Pontevedra, 19 da Coruña, 15 de Lugo e 8 de Ourense, e na que concursarán 105 clases de Primaria e 63 de Secundaria, consta de dúas fases, unha inicial de clasificación en liña e outra final presencial.

A primeira rolda, celebrarase o vindeiro mércores 14 de outubro en horario escolar e terá un formato Quiz Time, na que todos os concursantes competirán en liña conectados a unha plataforma dixital e respondendo as preguntas expostas pola organización durante un mesmo espazo de tempo. Durante esta fase, seleccionarase aos tres equipos clasificados de cada categoría (Primaria e Secundaria) coa maior cantidade de respostas contestadas, tendo en conta os tempos de resposta en caso de empate.
A segunda fase desenvolverase o 6 de novembro, en horario matinal e durante o marco do VI Encontro Ciber.gal, organizado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer os gañadores.
Nesta fase da competición, cada centro escolar clasificado estará representado por 2 alumnos, formando un único equipo de 6 participantes por cada categoría. A dinámica será de preguntas e respostas contrarreloxo, onde o equipo, cun capitán á fronte, deberá responder ao ciber-reto exposto de maneira única. Para iso, contará coa axuda de dous comodíns, o do público, que dispoñerá de cartolinas de cores nos seus asentos para facelo, e o dos profesores. O traballo colaborativo será a base para alcanzar o éxito común en cada misión e lograr, en equipo, os premios establecidos (formativos, didácticos e relacionados coa seguridade). As 3 clases que forman equipo levaranse o mesmo premio final, que irá destinado ao centro escolar.
Desde o seu arranque en 2021, Ciberseguridade no cole! experimentou un gran éxito de convocatoria, con máis de 21.000 alumnos, máis de 500 clases e máis de 200 colexios galegos participantes en edicións anteriores.

