
WhatsApp está a despregar unha función que permite programar o envío de mensaxes de texto, ligazóns, fotografías e vídeos para unha data e hora determinadas. A novidade está dispoñible para un grupo limitado de usuarios da versión beta para Android e chegará a máis contas nas vindeiras semanas.
A función foi detectada na versión beta 2.26.40.7, distribuída a través de Google Play. Para programar unha mensaxe, o usuario debe escribila nunha conversa e manter premido o botón de envío. Nese momento aparece unha interface que permite seleccionar cando se debe entregar.
As mensaxes poden programarse tanto en conversas individuais como en grupos, cunha antelación mínima de dez minutos e máxima de dúas semanas. WhatsApp encárgase de envialas automaticamente cando chega a hora indicada, mesmo se a aplicación está pechada ou o dispositivo está sen conexión.
A programación tamén admite fotografías e vídeos seleccionados desde a galería da conversa, así como imaxes editadas coas ferramentas de debuxo da aplicación, ás que se lles pode engadir un pé de foto. Porén, cada envío programado só pode incluír unha fotografía ou un vídeo.
As mensaxes pendentes aparecen nunha sección específica da información do chat, desde a que se poden consultar, xestionar ou eliminar antes do envío. Se o remitente cancela unha mensaxe programada, os destinatarios non reciben ningunha notificación e tampouco poden saber que estaba previsto enviala.
Nos grupos hai unha particularidade: só recibirán a mensaxe programada os membros que formasen parte do grupo no momento en que se configurou o envío. Quen se incorpore posteriormente non recibirá esa mensaxe.
A función mantén a compatibilidade co cifrado de extremo a extremo. Polo momento, a despregadura será gradual e estará limitado a determinados usuarios da versión beta para Android, polo que a dispoñibilidade pode variar entre contas. Ademais, os destinatarios poden recibir mensaxes programadas aínda que non teñan activada a función para envialas.
