
Juan Touriño Domínguez, investigador do CITIC da UDC e coordinador do Grupo de Arquitectura de Computadores, foi designado membro do comité de selección das ACM-IEEE Computer Society George Michael Memorial HPC Fellowships, un programa internacional que recoñece a excelencia investigadora de estudantes de doutoramento no ámbito da computación de altas prestacións (HPC).
Segundo informou o CITIC, a designación (anunciada o pasado 8 de outubro) supón “un novo recoñecemento á traxectoria deste investigador da UDC e á súa participación na comunidade científica internacional especializada en computación de altas prestacións”.
Así mesmo, permitiralle participar na avaliación e selección de estudantes de doutoramento de todo o mundo.
Dende o CITIC destacan tamén que o dito labor ofrece tamén “a oportunidade de coñecer novas liñas de investigación e tendencias emerxentes en HPC, así como de establecer contacto con investigadores de recoñecido prestixio e representantes de institucións internacionais de referencia.”
En palabras do propio investigador, “esta designación supón unha oportunidade para reforzar a visibilidade do CITIC da UDC na comunidade científica internacional de HPC, consolidar o seu posicionamento neste ámbito e propiciar relacións que poidan dar lugar a futuras colaboracións científicas e iniciativas de intercambio de coñecemento”.
As George Michael Memorial HPC Fellowships están promovidas pola Association for Computing Machinery (ACM), a IEEE Computer Society e SC, unha das principais conferencias internacionais no ámbito da computación de altas prestacións. O programa distingue estudantes de doutoramento de todo o mundo cuxas investigacións destacan en HPC e en áreas relacionadas, como as redes, o almacenamento de datos ou a análise de grandes volumes de información.
O comité avalía as candidaturas e selecciona as persoas beneficiarias atendendo a aspectos como o potencial investigador, o progreso académico e a relevancia das liñas de traballo. As bolsas inclúen unha dotación económica e apoio para asistir á conferencia internacional SC, un dos principais puntos de encontro da comunidade científica especializada en computación de altas prestacións.
Segundo valorou o CITIC, “a incorporación de Juan Touriño a este comité internacional reforza a presenza do centro da UDC na comunidade científica da computación de altas prestacións e contribúe a consolidar a súa proxección neste ámbito”. Esta participación abre, ademais, novas oportunidades para establecer vínculos con investigadores e institucións de referencia e favorecer futuras colaboracións científicas e iniciativas de intercambio de coñecemento.
A ACM é unha das principais asociacións científicas internacionais dedicadas á informática e á computación. Fundada en 1947, promove a investigación, a formación e o intercambio de coñecemento entre profesionais e persoal investigador de todo o mundo.
