
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo, e a vicerrectora de Estratexia Dixital e IA da UDC, Laura Castro, participaron onte na inauguración do DataFórum Xusticia, que se celebra na Coruña ata o venres. A alcaldesa pronunciou o seu discurso no auditorio principal de PALEXCO en representación do Concello e da cidade anfitrioa, e subliñou que “durante estes días, A Coruña será un espazo de encontro para profesionais, investigadores, empresas e institucións que comparten unha mesma inquedanza: como aproveitar o potencial dos datos e da intelixencia artificial para construír sociedades máis eficientes, máis competitivas e tamén máis humanas”.
Na súa intervención, Rey tamén destacou os retos que supoñen os avances tecnolóxicos para as sociedades modernas, e reflexionou sobre o papel que deben xogar as institucións para garantir que o desenvolvemento sexa tanto sostido como sostible: “Desde A Coruña temos unha idea moi clara: a innovación só ten sentido cando mellora a vida da xente. Por iso a nosa aposta pola transformación dixital non responde a unha moda nin a unha tendencia pasaxeira. Responde a unha visión de cidade. Unha visión que entende que o coñecemento, a tecnoloxía e o talento son hoxe factores decisivos para xerar benestar, oportunidades e desenvolvemento económico”.
Ademais, Rey tamén puxo énfase no papel que está a xogar A Coruña en España e en Europa no nacemento de novos proxectos de innovación e de aplicación concreta das ferramentas tecnolóxicas ao funcionamento diario da Administración: “A Coruña teno claro, quere participar activamente nesa transformación. Quere achegar solucións, xerar coñecemento e contribuír ao debate sobre como construír unha innovación responsable, útil e ao servizo dos cidadáns. A elección da nosa cidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial foi un recoñecemento á nosa traxectoria. Pero tamén foi unha demostración de que A Coruña conta xa cos activos necesarios para desempeñar un papel relevante no futuro tecnolóxico de España”.
Pola súa banda, o secretario de Estado defendeu o papel positivo que poden xogar as novas tecnoloxías no funcionamento dun sistema con plenas garantías e respecto aos dereitos da cidadanía. “Estes días imos debater sobre o impacto que teñen as novas tecnoloxías na administración de Xustiza e como podemos utilizalas de panca para fortalecer o pacto social que supón a nosa convivencia política, baseada en principios democráticos e na protección dos dereitos individuais e o estado social e democrático de dereito “, perfilou.
Pola mañá tamén foi inaugurada a exposición artística coas obras gañadoras do concurso organizado polo DataFórum Arte e Xustiza na area dos datos. A mostra, que xira en torno á Xustiza e a intelixencia artificial, pode visitarse en PALEXCO ata este venres.
Un foro para a reflexión

DATAfórum Justicia é un evento anual itinerante organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e centrado na dixitalización da Xustiza. Nesta edición, conta coa colaboración do Concello e a Universidade da Coruña, así como co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado.
O programa inclúe sesións sobre outros retos da xustiza do século XXI, como os delitos de odio, a desinformación, a protección dos nosos datos ou o consentimento sexual na era dixital.
Na última xornada, ademais, tres artistas falarán de transformación social e dixital desde as súas disciplinas: o cinema, con Carlos Montero (guionista de series como Elite); a música, coa violonchelista Alejandra Díaz; e o humor, con Carolina Iglesias (@percebesygrelos en redes sociais).
Ademais, o evento acolle o DATAthon, un concurso no que arredor de 200 estudantes de 13 universidades de toda España buscarán respostas innovadoras a necesidades reais da Administración de Xustiza. Celebrarase tamén o Promptatón, unha competición para elixir o equipo que cree o mellor prompt (instrución a unha intelixencia artificial). O obxectivo é explorar as posibilidades da IA aplicada a documentos xudiciais anonimizados. Os equipos gañadores coñeceranse o venres 23 ás 13.40 h.
