
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou en Lalín na clausura institucional da xornada Comercio conectado, impulsada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia). Acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, destacou a importancia da colaboración cos axentes do sector para organizar iniciativas centradas nos retos da dixitalización e da intelixencia artificial aplicadas ao comercio.

Na xornada tamén estiveron presentes o alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas. Durante o encontro abordáronse cuestións como a venda en liña, os dereitos dos consumidores e as vantaxes e os riscos que ofrece internet para os negocios.
Alén salientou a necesidade de impulsar a formación para reforzar o comercio retallista ante a transformación dos hábitos de consumo e os novos desafíos económicos e dixitais. O obxectivo é fortalecer un sector fundamental para a creación de emprego e a dinamización do territorio.
