
Logo do desenvolvemento de dous exitosos (en participantes e repercusión) seminarios en liña, o proxecto de cooperación transfronteiriza Gresint que lidera SOGAMA e no que participa o CITIC da UDC, abriu onte unha acción formativa 100% en liña que se centra na transformación dixital e intelixente da xestión dos residuos, sendo o seu obxectivo dar a coñecer como a dixitalización, os datos e as tecnoloxías intelixentes poden contribuír a facer que o proceso de clasificación dos materiais sexa máis eficiente, sostible e orientado á toma de decisións.
Baixo o título Transformación Dixital dos Residuos. Da Teoría á Práctica, o curso, cunha duración de 22 horas, estenderase ata o 20 de novembro, impartíndose a través da Academia LIPOR.
En termos máis concretos, nesta actividade formativa tocaranse temas como a dixitalización e as tendencias tecnolóxicas na xestión de residuos, así como as plataformas de datos e estratexias Data-Driven, e todo isto aderezado con casos de estudo como os SOGAMA e Lipor. Tamén se reservará un espazo para falar sobre as oportunidades de futuro que se abren na xestión de residuos, dedicando unha das sesións a resolver dúbidas e ampliar información.
Liderado por SOGAMA, son socios do proxecto, por parte de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), o proxecto Gresint, que conta cun orzamento próximo aos 800.000 euros e un co-financiamento europeo, concluirá este mesmo ano, sendo a súa pretensión, a través do traballo realizado, axudar na consecución dos obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme os preceptos da economía circular.
