
Afundación (Abanca) informou de que vén entrar na recta final en Santiago (na súa sede da rúa do Vilar) a mostra Compostella Expeditio, que poderá gozarse ata o 31 de outubro. Segundo informou Afundación, máis de 3200 persoas gozaron xa desta experiencia inmersiva, que se prolonga ata finais de mes para atender a alta demanda de público.
Trátase “dunha viaxe de 20 minutos por rúas e prazas que recrean as da Compostela da Idade Media”. Coa axuda de tecnoloxía de realidade virtual, cada persoa pode, por exemplo, subir ao andamio no que se están a completar as obras do Pórtico da Gloria e, desde alí, observar a praza do Obradoiro da época ou interactuar coas propias esculturas que conforman o conxunto escultórico creado polo Mestre Mateo.
Son algunhas das posibilidades que ofrece Compostella Expeditio, o percorrido inmersivo pola Compostela medieval impulsado por Afundación. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e a experiencia está dispoñible 17.00 a 20.00 h, de luns a sábado (festivos incluídos).
A empresa compostelá Maxina produce esta innovadora experiencia inmersiva distribuída por Empiriens. A firma santiaguesa foi finalista na última edición dos prestixiosos XR Awards internacionais, que recoñecen a innovación e a excelencia no desenvolvemento de proxectos con tecnoloxías inmersivas.
Un percorrido desde a mesma rúa do Vilar
A viaxe inmersiva de Compostella Expeditio realízase a bordo dunha máquina do tempo que transporta as persoas ata a Idade Media e as deixa na mesma rúa na que están, a que acolle a Sede de Afundación, a rúa do Vilar, pero á rúa do Vilar de hai aproximadamente 800 anos.
Unha vez na Idade Media, cada visitante pode decidir por onde camiñar, que facer. E na súa ruta pode interactuar con obxectos, con ata 50 personaxes ou, por exemplo, participar na vida social do mercado da Quintana no que postos de comerciantes comparten espazos con antigas sepulturas.
As vivendas, as rúas, ou a arquitectura relixiosa nas que se poderán situar os participantes en Compostella Expeditio foron concibidas como recreacións inspiradas na realidade do Santiago de Compostela de finais do século XII e principios do século XIII, que interpretan artisticamente os datos históricos.
O equipo de Maxina, que traballou con documentación e estudos da arquitectura da época para recrear os espazos, priorizou en cada detalle a importancia de incrementar o sentido de presenza da persoa usuaria.
E as persoas participantes, mentres visitan as diferentes escenas, poden interactuar con obxectos, ou con ferramentas, nalgúns deles. Poderán facelo tanto de forma individual como simultánea, en grupos reducidos.
