
A Xustiza ten ante si importantes retos tecnolóxicos que cómpre ser estudados e cómpre acometer coas maiores garantías de seguridade e eficacia. As evidencias penais de orixe dixital están cada vez máis presentes e a día de hoxe no 85% dos procesos penais é preciso manexar fontes de proba dixitais. Co fin de contribuír á reflexión e o intercambio de coñecemento neste eido entre especialistas de diferentes universidades, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebra esta semana o Congreso Internacional Cando a evidencia penal é dixital.
Á fronte da organización está a catedrática e vicerreitora Esther Pillado González e o profesor e decano do centro, Pablo Grande Seara.
A cita arrancou onte no edificio Redeiras e, como explican os organizadores, trátase de “favorecer un debate académico que resulta cada vez máis necesario ante a evolución da tecnoloxía e o seu impacto na xustiza penal”.
O congreso, que se celebra ata hoxe, artéllase arredor de cinco eixes temáticos. Por unha banda, as garantías procesuais e a tecnoloxía, analizando a investigación e a proba penal na contorna dixital, incluíndo o impacto das novas tecnoloxías na persecución do delito, a utilización de IA na obtención de probas e as condicións necesarias para garantir a súa validez e licitude.

Un segundo eixo é a protección de vítimas vulnerables e as particularidades e requisitos da proba preconstituída, a perspectiva de xénero na práctica e valoración da proba e as medidas tendentes a evitar a revictimización dos menores.
Tamén se debaterá sobre a xestión da información dixital con relevancia procesual penal, como o rexistro de dispositivos de almacenamento masivo de información, datos de xeolocalización, tratamento de datos con relevancia procesual ou análise do marco normativo europeo tendente a facilitar a obtención e transmisión de evidencias dixitais para o seu uso con fins probatorios nun proceso penal.
Un cuarto eixo é a loita contra a corrupción á luz da Directiva (UE) 2026/1021, que establece normas mínimas comúns en toda a Unión Europea.
Finalmente, as e os asistentes tamén abordarán os desafíos probatorios na loita contra a corrupción, a proba dixital en contornas de compliance, evidencias dixitais e estándares probatorios en procesos por corrupción, desde unha perspectiva do dereito interno, europeo e comparado.
Segundo explicou o profesor Grande Seara, a problemática que rodea o uso da evidencia de orixe dixital “non se limita unicamente a como se pode obter esa información”. Trátase, detalla, “de reflexionar sobre as condicións e requisitos para que a súa obtención sexa lícita e respectuosa cos dereitos fundamentais, a súa conservación íntegra e libre de sospeitas de manipulación, as modalidades da súa incorporación ao proceso e de práctica da proba no xuízo, así coma as posibilidades da súa impugnación e os estándares de valoración probatoria por parte dos órganos xurisdicionais”. Así mesmo, engade, tamén cómpre ter en conta “a problemática derivada do carácter transnacional de gran parte das evidencias dixitais que se deben achegar ao proceso, o que esixe utilizar e mellorar mecanismos de cooperación policial e xudicial internacional”.
Engade Seara que “a cuestión central é como garantir que a información dixital poida empregarse como proba fiable e lexítima, respectando os dereitos fundamentais e as garantías do proceso penal”. Este congreso pretende, precisamente, “contribuír a este debate: identificar os riscos que as novas tecnoloxías poden implicar para un proceso penal xusto e reflexionar sobre como garantir que a súa utilización con fins de investigación e proba penal sexa compatible cos dereitos fundamentais, a contradición entre as partes en condicións de igualdade e a presunción de inocencia”.
O impacto da IA

Segundo coincidiron as persoas que interveñen no congreso, “un dos elementos máis disruptores neste proceso de dixitalización é a irrupción da IA e dos algoritmos, que sitúa no centro do debate o control, a fiabilidade, a integridade e as garantías procesuais da proba penal”.
Como recalca o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo “non cabe dúbida que a IA introduce novas posibilidades para investigar e analizar información, pero con ela tamén xorden interrogantes importantes sobre a fiabilidade das evidencias que se obteñen mediante estas ferramentas. Por unha banda, pode facilitar a análise de grandes volumes de información; pero, por outra, permite xerar ou modificar imaxes, audios, vídeos e documentos, o que fai cada vez máis difícil determinar, en determinados casos, se un contido é auténtico ou foi manipulado. No proceso penal, estas cuestións teñen unha especial transcendencia porque está en xogo a determinación de feitos que poden dar lugar a consecuencias moi graves para as persoas”.
