
Apple presentou unha nova xeración do iPad mini que medra de 8,3 a 8,5 polgadas de pantalla, reduce o grosor e o peso e incorpora o procesador A20 Pro. O dispositivo tamén estrea resistencia á auga e ao po con certificación IP67, novos chips de conectividade N1 e C2, unha cámara frontal de 12 megapíxeles situada no bordo máis longo e un sistema de son integrado na pantalla.
O novo iPad mini mantén o formato compacto que permite utilizalo cunha soa man, pero ofrece máis superficie de visualización grazas a uns marcos un 24 % máis estreitos ca os da xeración anterior. A pantalla Super Retina XDR emprega tecnoloxía OLED, con control da iluminación píxel a píxel, negros máis profundos e compatibilidade coa gama cromática P3. O brillo máximo chega aos 1.200 nits, máis do dobre que no modelo precedente, mentres que o brillo mínimo de 1 nit facilita a lectura en ambientes escuros. A relación de contraste alcanza os 2.000.000:1.

Apple tamén ofrecerá unha versión con acabado nanotexturizado, que reduce os reflexos en espazos moi iluminados e pode resultar útil para traballar no exterior. O novo modelo ten un grosor de 0,54 centímetros e estará dispoñible en cor medianoite e branco estrela.
O procesador A20 Pro concentra boa parte das melloras desta xeración. Fabricado cun proceso de dous nanómetros, integra unha CPU de ata seis núcleos que, segundo Apple, ofrece un rendemento multinúcleo ata un 60 % superior ao do modelo anterior en tarefas como editar fotografías ou utilizar varias aplicacións simultaneamente.

A GPU de sete núcleos incorpora aceleradores neuronais en cada núcleo e permite executar tarefas de intelixencia artificial con maior rapidez. Apple cifra a mellora de rendemento nestes procesos en ata 4,5 veces respecto da xeración anterior, mentres que o rendemento gráfico pode ser ata 2,7 veces superior. O chip tamén admite trazado de raios acelerado por hardware e sombreado de malla, tecnoloxías que benefician os videoxogos e a representación de gráficos tridimensionais.
A versión con 512 GB de almacenamento incorpora un Neural Engine de 16 núcleos, que duplica a capacidade de procesamento neuronal respecto do modelo anterior. O A20 Pro tamén duplica o largo de banda da memoria unificada para facilitar a execución de modelos de intelixencia artificial no propio dispositivo e o traballo con aplicacións creativas esixentes.

O novo iPad mini incorpora o sistema Acoustic Display, que integra os compoñentes de son na pantalla e na carcasa. Os woofers deseñados especificamente para esta tableta buscan ofrecer graves máis profundos e maior volume, mentres que os altofalantes de agudos, ocultos entre o vidro e o aluminio, están orientados a mellorar a nitidez do audio. A carcasa hermética contribúe tamén á resistencia á auga e ao po (contando con certificación IP67).

A cámara frontal Center Stage de 12 megapíxeles pasa ao bordo máis longo do dispositivo, unha posición que facilita as chamadas FaceTime e as videoconferencias cando se utiliza a tableta en horizontal. Na parte traseira, a cámara gran angular de 12 megapíxeles permite gravar vídeo en 4K a ata 60 fotogramas por segundo e conta con HDR Intelixente 4 e un flash True Tone adaptativo, pensado para mellorar as fotografías e a dixitalización de documentos.
O chip N1, desenvolvido por Apple, achega conectividade Wi-Fi 7, Bluetooth 6 e Thread. Tamén mellora o funcionamento de conexións Wi-Fi de 5 GHz e funcións como AirDrop e AirPlay. Os modelos con conexión móbil incorporan o módem C2, co que Apple anuncia velocidades de datos ata un 50 % superiores ás da xeración anterior, ademais dunha maior eficiencia enerxética. O soporte de eSIM permite activar novos plans móbiles e transferir os existentes dixitalmente, sen utilizar unha tarxeta física.

Apple mantén a compatibilidade co Apple Pencil Pro e co Apple Pencil USB-C. O primeiro permite utilizar funcións como o xesto de apertar e a rotación, ademais de poder localizarse mediante Buscar. O modelo USB-C está orientado a tarefas habituais como tomar apuntamentos e debuxar.
As reservas do novo iPad mini comezan este mércores, estando prevista a chegada a tendas o 6 de novembro. Parte dun modelo Wi-Fi con 128 GB de almacenamento a un prezo de 749 euros, mentres que a versión con conectividade móbil, 512 Gb de almacenamento e pantalla nanotexturizada tería un prezo de 1.429 euros.
