
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia galega para a promoción e difusión do software libre, coa que o Goberno galego pretende estender o uso das tecnoloxías abertas para impulsar a innovación, mellorar a competitividade empresarial e avanzar na prestación de servizos públicos máis eficientes e accesibles. A iniciativa contempla actuacións dirixidas á Administración, ao tecido empresarial, á cidadanía e á comunidade tecnolóxica, que se executarán mediante plans de acción anuais aliñados coa Estratexia Galicia Dixital 2030.
O software libre permite utilizar, estudar, modificar e compartir programas informáticos. Estas características facilitan a adaptación das solucións ás necesidades de cada organización, a reutilización de desenvolvementos e a colaboración para mellorar as ferramentas existentes.
Catro ámbitos de actuación
A estratexia conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros ata 2029 e establece medidas en catro ámbitos, que se desenvolverán en colaboración cos axentes do ecosistema galego do software libre.
No tecido empresarial, apoiarase a incorporación de solucións abertas aos procesos de dixitalización das pemes e darase visibilidade aos provedores tecnolóxicos galegos especializados. Tamén se promoverán o emprendemento baseado no código aberto, a formación adaptada ás necesidades do sector e o fomento das vocacións tecnolóxicas.
A capacitación e a inclusión cidadá centrarán outra das liñas de actuación, que busca facilitar o coñecemento e o uso de ferramentas libres, accesibles e gratuítas. Para iso, impulsaranse actividades de formación práctica e especializada a través de recursos públicos como a Rede CeMIT, con especial atención á redución da fenda dixital.
Na Administración pública, fomentarase o emprego de software libre para optimizar os recursos e mellorar os servizos dixitais, incorporando criterios de accesibilidade e atención á diversidade. As medidas incluirán asesoramento nos procesos de licitación e na adopción e mantemento de solucións abertas, ademais de promover a colaboración entre administracións. Tamén se impulsará a publicación e reutilización dos desenvolvementos públicos mediante plataformas como a Eira de Mancomún, o repositorio de software libre da Xunta.
A cuarta liña pretende consolidar un ecosistema tecnolóxico do software libre plural, ético e sustentable. Entre as actuacións previstas figuran a optimización das infraestruturas para reducir os custos de mantemento e a pegada ambiental, así como o reforzo da transparencia, da seguridade dos datos da cidadanía e da prevención de nesgos discriminatorios.
Obxectivos para os vindeiros anos
Entre os principais obxectivos figura ampliar a carteira de solucións de software libre difundidas, cun ritmo de dez novas solucións anuais, ata superar as 250 en 2030. Tamén continuará o impulso á liberación de proxectos na Administración, onde xa se publicaron máis de vinte iniciativas, co propósito de facilitar a reutilización de solucións públicas en diferentes ámbitos.
A estratexia prevé, ademais, ofrecer ao tecido empresarial galego a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais de software libre como servizo na nube. Esta medida busca facilitar o coñecemento destas ferramentas e permitir que cada empresa avalíe a súa adecuación ás necesidades propias.
Unha base consolidada na Administración e no ecosistema galego
A iniciativa parte da experiencia acumulada pola Xunta no impulso do software libre, que xa ten unha presenza ampla e diversa na Administración autonómica. Na actualidade, contabilízanse máis de 307 elementos baseados nestas tecnoloxías, dos que 171 corresponden a solucións e ferramentas e 136 a compoñentes para o desenvolvemento de aplicacións.
O software libre emprégase en ámbitos que van desde as ferramentas de produtividade e a xestión de contidos ata as bases de datos, a seguridade e as infraestruturas que sustentan os servizos dixitais. A esta implantación súmase o traballo da Oficina de Software Libre, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no impulso da reutilización de solucións públicas.
Galicia conta tamén cun ecosistema de software libre cun nivel de madurez intermedio-alto, apoiado nunha comunidade tecnolóxica activa e na formación de profesionais cualificados nas universidades e nos centros de formación profesional.
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o 82,53 % das empresas galegas con dez ou máis persoas empregadas utiliza algunha modalidade de software de código aberto.
