
A Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acolleu hoxe o obradoiro IA xerativa para o traballo diario, impartido pola profesora da Facultade de Informática e integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da Universidade da Coruña (UDC), Elena Hernández Pereira.
A actividade centrouse nas posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para facilitar a elaboración de documentación, a consulta de protocolos e a xestión de tarefas habituais no eido da protección civil e das emerxencias.
Organizado pola Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, impulsada conxuntamente pola Universidade da Coruña (UDC) e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, o obradoiro afondou nos fundamentos da IA, nos seus principais riscos e nas consideracións relacionadas coa protección de datos, así como nas posibilidades que ofrecen as ferramentas de IA xerativa para mellorar os procesos de traballo.
Así, púxose o foco na elaboración e na organización da información, na consulta de documentación especializada e na optimización das tarefas organizativas e técnicas.
Ao comezo do obradoiro, achegáronse ata a Aula de Informática o decano da Facultade de Ciencias do Traballo, Moisés Alberto García, a directora da Cátedra en Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Sonia Zaragoza, e o xefe da Área de Seguridade do Concello de Ferrol, Manuel Rodríguez. Todos eles valoraron “moi positivamente esta proposta formativa”, orientada a dar resposta ás necesidades de actualización tecnolóxica dos e das profesionais do eido da protección civil e das emerxencias.
