
A comunidade galega é tecnoloxicamente madura e competitiva grazas á visión estratéxica do Goberno galego, á existencia dun ecosistema de coñecemento e á colaboración do sector tecnolóxico. Así o sinalou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto conmemorativo do 30 aniversario de NTT DATA en España.
A colaboración público-privada é tamén a base do novo Pacto Dixital de Galicia, que busca reforzar o ecosistema tecnolóxico da comunidade e contribuír a superar as limitacións derivadas da situación xeográfica e da dispersión da poboación.
Para recoñecer o labor do sector, a Xunta creará en 2027 o selo Galicia Calidade TIC, un distintivo oficial destinado ás empresas e entidades tecnolóxicas que destaquen pola aplicación de modelos de xestión excelentes, innovadores, sustentables e socialmente responsables.
Apoio ao tecido produtivo
Corgos lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2027 inclúen medidas de apoio ás empresas, impulso da innovación e transformación dixital. Entre as partidas previstas, destacou os 360 millóns de euros destinados a I+D+i, máis de 140 millóns para financiar novos proxectos empresariais e máis de 90 millóns para reforzar a formación e a capacitación dos traballadores.
Os investimentos enerxéticos e o impulso ao autoconsumo recibirán máis de 40 millóns de euros, mentres que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) contará con máis de 165 millóns para continuar liderando a transformación dixital da comunidade.
O conselleiro atribuíu a madurez tecnolóxica de Galicia á unión e ao compromiso dos diferentes actores implicados. Entre os factores que contribuíron a este desenvolvemento, citou a planificación estratéxica da Xunta, plasmada en tres axendas dixitais, a última delas con horizonte en 2030, así como o papel transversal da AMTEGA.
Tamén salientou a contribución das universidades e dos centros tecnolóxicos á consolidación dun ecosistema de coñecemento e a implicación do propio sector tecnolóxico.
Formación e captación de talento
A formación ocupa un lugar destacado nun sector sometido a unha evolución constante e acelerada. Corgos subliñou a amplitude da oferta formativa existente, desde as universidades ata os centros de formación profesional, tanto para os traballadores en activo como para quen busca incorporarse ao sector.
A capacitación en disciplinas como a intelixencia artificial resulta especialmente relevante para responder ás necesidades das empresas. «Necesitamos reter e captar talento nas disciplinas relacionadas coas novas tecnoloxías», sinalou o conselleiro.
