
O pasado martes tivo lugar a xornada de debate As Fortalezas da España Plural, celebrada en Santiago de Compostela e organizada no marco dunha iniciativa impulsada pola Cámara de Comercio de España a través da súa rede de cámaras territoriais. A este encontro acudiu o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Manuel F. González Penedo.
A dita xornada reuniu representantes dos ámbitos institucional, empresarial, cultural, educativo, científico e tecnolóxico, entre outros, co obxectivo de reflexionar sobre as fortalezas que Galicia e Santiago de Compostela achegan á identidade de España e á súa proxección nacional e internacional.
Manuel F. González Penedo formou parte do segundo bloque de debate, centrado en cuestións como a fortaleza das institucións, a contribución das empresas á marca España, o papel da educación e do talento, os avances en innovación, ciencia e tecnoloxía, e a importancia das infraestruturas e da mobilidade sostible.
A súa participación permitiu achegar ao encontro a perspectiva do eido da investigación en tecnoloxías da información e as comunicacións, nun espazo de diálogo sobre as capacidades de Galicia e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social do conxunto do país.
A presenza do director do CITIC nesta xornada sitúa a investigación e a innovación tecnolóxica entre os ámbitos de reflexión sobre as fortalezas do territorio, xunto coa educación, o tecido empresarial, a cultura e as institucións.
Engadir que esta xornada forma parte dun proxecto a nivel nacional que busca identificar e poñer en valor as fortalezas dos distintos territorios españois desde unha perspectiva construtiva. As conclusións dos debates celebrados en Santiago de Compostela incorporaranse a un documento de síntese conxunto coas achegas recollidas polas cámaras de comercio participantes.

