
A Universidade de Santiago acolle do 5 ao 7 de novembro a primeira edición do Congreso Internacional da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial (reFIA), que reunirá filósofos e filósofas e persoal investigador de distintas disciplinas co propósito de examinar os desafíos conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos, sociais e culturais que presenta a IA. Esta cita científica na Facultade compostelá de Filosofía inaugurarase de maneira oficial o xoves 5 ás 10.30 horas.
Segundo avanza a Universidade, o programa comprende conferencias plenarias a cargo de especialistas convidados, comunicacións e simposios temáticos que abordarán un amplo abano de cuestións relacionadas coa filosofía da intelixencia artificial.
Entre as persoas relatoras convidadas figuran Mark Coeckelbergh, da Universidade de Viena; Adela Cortina, da de Valencia; Javier Echeverría, da EHU; Migle Laukyte, da Pompeu Fabra; e Vincent C. Müller, da Universidade Friedrich-Alexander de Erlangen-Núremberg.
O congreso contará tamén con sesións paralelas e simposios dedicados, entre outras cuestións, á conciencia artificial e a axencia, a epistemoloxía da intelixencia artificial, á gobernanza algorítmica, á ética e á responsabilidade, á linguaxe e á interacción entre seres humanos e sistemas de intelixencia artificial, á creatividade, á educación e ás implicacións sociais e políticas destas tecnoloxías.
O comité científico internacional do encontro está presidido polo profesor da USC Xavier de Donato Rodríguez, presidente da reFIA, organización académica sen ánimo de lucro que se constituíu en 2025 na USC co propósito de articular un ámbito común para a reflexión filosófica sobre a intelixencia artificial e as súas implicacións na ciencia, a técnica e a sociedade.

