
A fundación Mobile World Capital Barcelona presentou a primeira edición do Digital Talent Overview 2026 – España, un informe que ofrece por primeira vez unha visión conxunta do talento tecnolóxico en todo o territorio español. Segundo o estudo, A Coruña reúne 4.166 profesionais TIC e rexistra 2.265 ofertas de emprego publicadas en 2025.
Na análise de perfís, o informe mostra que as tres especialidades con máis ofertas de emprego publicadas na Coruña durante 2025 son a análise da información a gran escala (o Big Data), con 300; a mercadotecnia dixital, con 242, e a intelixencia de negocio, con 220.
Por volume de talento, o desenvolvemento web e de aplicacións reúnen máis de 1.800 profesionais e concentra a maior base de talento por especialidade, sinálase.
O Digital Talent Overview tamén pon o foco nas tecnoloxías emerxentes. “Na Coruña, a visión por computador e a intelixencia artificial presentan unha oferta de talento limitada en relación coas necesidades das empresas, con 1,3 e 2,8 profesionais por oferta, respectivamente”, indícase, engadíndose que a proporción de profesionais por oferta nestas especialidades é inferior á do conxunto do mercado dixital da Coruña, que rexistra 7,4 profesionais por oferta, fronte aos 62 do conxunto da economía española.
Entre as tecnoloxías consolidadas, que reúnen maiores volumes de profesionais e ofertas de emprego, o Big Data presenta a menor dispoñibilidade, con 1,9 profesionais por oferta, seguida de intelixencia de negocio (2,3) e servizos na nube (3,3). Estes datos apuntan a maiores dificultades para as empresas que buscan incorporar profesionais con coñecementos especializados nestas áreas.
A referencia salarial dos perfís TIC sénior sitúase en 40.300 euros brutos anuais.
A ciberseguridade é a especialidade mellor remunerada, cun soldo medio de 44.800 euros brutos anuais, sinálase no informe.
As mulleres

Na investigación dise tamén que as mulleres representan o 34,1% do talento dixital da cidade. Os eidos da mercadotecnia dixital e UX/UI, ambos cun 50% de mulleres, presentan a maior representación feminina entre as especialidades con datos dispoñibles. En cambio, a súa presenza en servizos na nube, cun 20%, e desenvolvemento de aplicacións, cun 26,4%, segue sendo un reto de paridade.
Por sectores, as empresas TIC reúnen o 51,4% destes profesionais e os servizos empresariais, o 14,1%. Aínda que en menor medida, o talento dixital tamén está presente en sectores como a enxeñería e a construción, as actividades financeiras, a saúde e os bens e servizos de consumo.
A demanda de talento dixital segue medrando en España
No conxunto de España, os especialistas TIC superan os 1,06 millóns e representan o 4,9% do emprego. Entre 2016 e 2025, o seu número aumentou un 71,9%, fronte ao 19,9% do conxunto do mercado laboral. O crecemento acumulado do emprego TIC é, por tanto, unhas 3,6 veces superior.
En 2025 publicáronse 282.367 ofertas de talento dixital, un 9,4% máis que en 2024 e un 22% máis que en 2023.
O estudo destaca “unha demanda cada vez máis orientada a profesionais con experiencia e coñecementos especializados”.
O informe sitúa a ciberseguridade, a intelixencia artificial e a 5G entre as áreas con menor dispoñibilidade de profesionais en relación coas ofertas publicadas.
A referencia salarial dos perfís TIC sénior en España alcanza os 45.200 euros brutos anuais. Ciberseguridade e intelixencia artificial sitúanse por enriba, con 53.000 e 50.500 euros, respectivamente. As mulleres representan o 33% do talento dixital español, cunha presenza que varía segundo a especialidade e supera a metade en mercadotecnia dixital e UX/UI.

