
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza a décimo sexta edición das Xornadas Achégate á Igualdade que este ano ten por lema Romper o eco: Xornadas sobre violencia de xénero, machosfera e igualdade. Ao longo da mañá do venres, 27 de novembro, varios profesionais ofrecerán coloquios nos que se tratarán temas de actualidade en termos de igualdade e violencia de xénero en relación coas plataformas dixitais, como son a machosfera ou os algoritmos.
Este ano, os participantes son o crítico e divulgador cultural, Oriol Rosell Costa, o historiador e doutor cum laude en xénero e diversidade, Iván Gómez Beltrán, e a profesora en socioloxía e investigadora, Elisa García Mingo.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, destacou “a importancia que ten a organización destas xornadas, que xa chegan a súa décimo sexta edición, e nas que todos os anos se abordan diferentes cuestións relacionadas coa igualdade de xénero.
Desta volta o programa pon o foco na machosfera e nas plataformas dixitais como elementos chave da desigualdade de xénero.
“Contaremos con grandes profesionais neste eido como son Oriol Rosell Costa, Iván Gómez Beltrán e Elisa García Mingo”, sinalou a concelleira.
A machosfera: contos e lendas
A xornada comezará ás 9.15 horas cunha inauguración institucional. Tras esta, abrirase a quenda de coloquios con A machosfera: contos e lendas, impartido por Oriol Rosell Costa, que será entre as 9.30 e as 10.45 horas.
Esta primeira intervención achegará información sobre o fenómeno da machosfera, unha realidade potenciada polas redes sociais e o mundo web, que consiste nunha serie de foros en liña que promoven unha masculinidade enfatizada e un pensamento misóxino, cunha forte oposición ao feminismo.
Oriol Rosell Costa é un crítico e divulgador cultural. Conta cunha longa traxectoria como programador cultural e docente en estudos superiores e de mestrado, así como colaborador en distintos medios de comunicación como Eldiario.es ou RAC 1.
Algoritmos para a reordenación de xénero
A continuación darase paso ao relatorio Algoritmos para a reordenación de xénero: machosfera e womansfera, o seu impacto na violencia de xénero e estratexias para a abordaxe educativa, a cargo de Iván Gómez Beltrán. Este terá lugar entre as 10.45 e as 12.00 horas.
Iván Gómez Beltrán é un historiador e doutor cum laude en xénero e diversidade pola Universidade de Oviedo. Tamén é investigador social especializado en xénero, feminismo, masculinidade e diversidade sexual.
Tras esta intervención realizarase unha pausa de media hora, ata as 12.30 horas.
Machosfera e polarización de xénero na xuventude
Por último, desenvolverase a última exposición da xornada, Coñecendo a machosfera, entendendo a polarización de xénero na xuventude, coa presenza de Elisa García Mingo.
Elisa García Mingo é profesora titular en socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Tamén é investigadora principal do grupo de investigación DIVISAR e é Associate Member do Centre for Transforming Sexuality and Gender da Universidade de Brighton.
A xornada é de balde, pero as prazas están limitadas polo aforo dispoñible, polo que se asignarán por orde de inscrición. Para participar hai que inscribirse a través de xornadasachegate@gmail.com.

