
Asus comezou a comercializar en Europa o Ascent QN10, o primeiro mini ordenador equipado coa plataforma Qualcomm Snapdragon X2 Elite. O equipo, que xa figura no catálogo español do fabricante e está dispoñible en PC Componentes, traslada ao formato de sobremesa compacto unha arquitectura baseada en ARM que ata agora estaba orientada principalmente aos portátiles.
O equipo conta cun procesador Snapdragon X2 Elite con 18 núcleos Oryon, acompañado dunha GPU integrada Qualcomm Adreno X2-90 e dunha unidade de procesamento neuronal Qualcomm Hexagon capaz de alcanzar os 80 TOPS. Esta última cifra sitúa o dispositivo entre as propostas orientadas á execución local de cargas de traballo relacionadas coa intelixencia artificial, incluídos modelos de linguaxe, procesamento de imaxes e tarefas de automatización.

A configuración anunciada por Asus contempla ata 32 GB de memoria LPDDR5x e distintas opcións de almacenamento SSD, con capacidades de 512 GB, 1 TB e 2 TB. A versión identificada no mercado español como QN10-VQ0008NN combina o Snapdragon X2E-88-100 con 32 GB de memoria e unha unidade SSD de 512 GB, ademais de Windows 11 Pro.
Un dos aspectos máis destacados do equipamento é o seu reducido tamaño. O chasis de aluminio anodizado ten unhas dimensións de 130 x 130 x 40 milímetros e un peso aproximado de 620 gramos, cun volume inferior a 0,7 litros. Asus tamén desenvolveu un sistema térmico que separa a circulación do aire destinada ao procesador e á unidade SSD, co obxectivo de xestionar a temperatura dos diferentes compoñentes.
En materia de conectividade, o Ascent QN10 dispón de Wi-Fi 7, Bluetooth 6.0 e Ethernet de 2,5 Gbps. A dotación física inclúe tres portos USB4, tres USB-A 3.2, un USB-A 2.0, unha saída HDMI 2.1 e unha conexión de audio de 3,5 milímetros. A combinación de USB4 e HDMI permite conectar ata catro monitores con resolución 4K simultaneamente.

Este pequeno ordenador tamén está orientado a desenvolvedores e usuarios que queren experimentar coa intelixencia artificial no propio ordenador. O acceso a Qualcomm AI Hub facilita a descarga e integración de modelos de aprendizaxe automática, mentres que a NPU Hexagon permite acelerar determinadas operacións sen trasladar necesariamente o procesamento a servizos na nube. O equipo é, ademais, compatible con Copilot+.
A configuración con 32 GB de memoria e 512 GB de almacenamento figura en PC Componentes a un prezo de 2.236,58 euros, o que semella un prezo bastante elevado, especialmente se temos en conta que o seu competidor máis directo, o Mac mini con procesador M6, 32 GB de memoria unificada e 512 GB de almacenamento ten un prezo de 1.729 euros.
