
O videoxogo Fraga, unha proposta independente que leva a mitoloxía e o folclore galegos ao terreo dos xogos de estratexia, vén de estrear a súa versión 1.0 en Steam Steam a un prezo promocional de 6,79 euros. O lanzamento chega despois dun ano de desenvolvemento e incorpora unha ampliación importante dos contidos, con novas zonas que explorar, inimigos e elementos narrativos.

Desenvolvido por Lorenzo Torres e Matiolas Vizoso, Fraga defínese como un roguelite táctico por quendas no que o xogador se pon na pel dun peregrino que debe avanzar por un bosque inspirado no imaxinario tradicional galego. A aventura combina exploración e combate estratéxico cun universo no que aparecen figuras e criaturas procedentes do folclore do país.

A chegada á versión definitiva non significa, porén, o peche do desenvolvemento. O equipo adianta que ten previstas polo menos dúas actualizacións máis, nas que traballará en melloras de rendemento, optimización da interface, corrección de erros e cambios destinados a facilitar a experiencia de xogo. Estes parches tamén incluirán novos contidos, aínda que de menor alcance ca os incorporados nesta versión.

Os responsables do proxecto sinalan que a continuidade do desenvolvemento dependerá da resposta que obteña o xogo. A súa intención é seguir ampliándoo e incorporar propostas da comunidade, cuxas valoracións consideran importantes para orientar a evolución da aventura.
O proxecto tivo presenza en distintos eventos presenciais celebrados en Galicia antes de chegar á plataforma de Valve (estando confirmada a súa presenza en Odisea Indie), e a súa demo pública estivo dispoñible desde o pasado 7 de outubro e tamén está dispoñible unha versión antiga do título en Itch.io, que serve para facerse unha idea do que ofrece o título final.
