
AGASOL lembra que empresas TIC, persoas emprendedoras e entidades tecnolóxicas de Galicia aínda poden presentar as súas propostas para dar resposta a un reto real dos concellos galegos e optar a un premio de 6.000 euros. O prazo para participar no I Certame GOBTEC de Software Libre, impulsado pola Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), remata o vindeiro 18 de novembro ás 23:59 horas.
Como dixemos, a convocatoria está dirixida a firmas tecnolóxicas, persoas emprendedoras e entidades tecnolóxicas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia que queiran propoñer
solucións innovadoras baseadas en software libre para mellorar a xestión das instalacións deportivas municipais.
As propostas seleccionadas como finalistas defenderanse publicamente o 26 de novembro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, ante un xurado especializado, e optarán a un premio de 6.000 euros e a recoñecemento institucional.
O primeiro reto GOBTEC busca dar resposta a unha necesidade real de moitos concellos galegos: a dixitalización da xestión e reserva de instalacións deportivas municipais. Na actualidade, estes procesos aínda dependen en numerosos casos de chamadas telefónicas, correos electrónicos ou xestións presenciais, o que dificulta tanto o acceso da cidadanía aos espazos deportivos como a organización das propias administracións.
A través deste certame, AGASOL busca propostas para unha plataforma baseada en software libre que permita consultar a dispoñibilidade das instalacións, realizar e modificar reservas en liña e facilitar aos concellos a xestión dos espazos, horarios e condicións de uso. A solución deberá ser adaptable ás necesidades de diferentes municipios e contar cunha licenza aberta que permita a súa reutilización.
AGASOL informa que para participar non é necesario desenvolver a plataforma completa, senón presentar unha solución con viabilidade e dabondo definida. As entidades interesadas deberán cubrir a memoria técnica dispoñible na web do certame, cun máximo de dez páxinas, incluír os seus datos de contacto e enviar a documentación a certame@agasol.gal, co asunto “Proposta — I Certame GOBTEC”, antes das 23:59 horas do 18 de novembro.
De forma opcional, as candidaturas poderán acompañarse de mockups, prototipos ou demostracións funcionais.
Toda a información e documentación da convocatoria está dispoñible na web do certame.
O I Certame GOBTEC está impulsado por AGASOL coa colaboración de Startup Galicia e co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), co obxectivo de conectar o talento tecnolóxico galego con necesidades reais das administracións públicas a través do software libre.
