
Un equipo de investigación de atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo participou no desenvolvemento de VisIA-Q, un conxunto de datos que reúne información demográfica e psicométrica de máis de 200 adolescentes de entre 12 e 17 anos.
O traballo, publicado na revista Scientific Data, do grupo Nature, conta tamén coa participación dos servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e proporciona un recurso de investigación para estudar a saúde mental na adolescencia e avanzar no desenvolvemento de ferramentas de detección temperá.
Segundo informou o equipo de atlanTTic, o conxunto de datos inclúe información de tres grupos de adolescentes: mozos e mozas que atravesaron unha crise suicida recente, pacientes atendidos en servizos de Psiquiatría por outros motivos e adolescentes sen antecedentes coñecidos. Para a súa elaboración empregáronse sete instrumentos psicométricos validados, que permiten dispoñer tanto das respostas individuais aos distintos ítems como das puntuacións globais das probas.
A avaliación abrangue ideas suicidas, problemas xerais de saúde mental, síntomas depresivos, acoso escolar, ciberacoso e o uso problemático de Internet. “Este conxunto de datos constitúe un recurso valioso para investigadores en psiquiatría, psicoloxía, estatística e aprendizaxe automático estuden os factores psicolóxicos asociados á tendencia suicida nos adolescentes e desenvolvan modelos predictivos para a avaliación do risco”, informan.
Na elaboración de VisIA-Q participaron investigadores de atlanTTic, que colaboraron na conceptualización e no deseño metodolóxico, no desenvolvemento do software de captura e seguridade e no procesamento e anonimización da información. O equipo está integrado por José Manuel Ramírez Sánchez, investigador principal do estudo, Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) e Manuel José Fernández Iglesias e Mario Manso Vázquez, do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST).
Unha das principais contribucións do equipo de atlanTTic foi o deseño dunha infraestrutura tecnolóxica para garantir a seguridade da información durante todo o proceso de recollida e tratamento. Para iso, desenvolveron un software específico e adaptaron os dispositivos de captura, cámaras e ordenadores portátiles, de maneira que os datos non puidesen extraerse dos equipos. Os soportes de almacenamento incorporan un sistema de dobre cifrado, mediante contrasinal e chave física.
O equipo tamén definiu o procedemento de anonimización dos 207 participantes, mediante identificadores específicos que impiden vincular directamente os datos coas persoas ás que pertencen. Pola súa banda, a recollida da información clínica e o recrutamento dos participantes corresponderon ao persoal sanitario dos servizos de Psiquiatría dos complexos hospitalarios universitarios de Ourense e Vigo e do IIS Galicia Sur, coordinados polo psiquiatra Alejandro García Caballero.
“VisIA-Q tende unha ponte entre a intelixencia artificial e a práctica clínica real. É un recurso rigoroso, anonimizado e validado por profesionais da psiquiatría que pode contribuír a impulsar novas ferramentas de investigación e de detección temperá de posibles situacións de risco na adolescencia”, explicou o investiador José Manuel Ramírez Sánchez.
VisIA-Q permite analizar conxuntamente a relación entre diferentes factores psicolóxicos e comparar os resultados de adolescentes con perfís clínicos distintos. Ademais, a dispoñibilidade das respostas individuais aos sete instrumentos estandarizados ofrece unha base de referencia para estudar os factores asociados ao risco e desenvolver modelos de aprendizaxe automática orientados ao cribado psicométrico.
Os investigadores aclaran que o traballo “cobre unha carencia dos recursos dispoñibles ata o momento, xa que boa parte dos conxuntos de datos empregados nesta liña de investigación proceden de persoas adultas ou de información extraída de redes sociais, sen avaliación clínica formal”. VisIA-Q incorpora, pola contra, avaliacións validadas realizadas nun contexto sanitario e supervisadas por profesionais, así como tres grupos de comparación diferenciados.
